A Laracha transforma a antiga casa reitoral de Montemaior nun espazo para usos de interese xeral

Acollerá un albergue xuvenil

A rehabilitación custará 712.808 €

A Xunta disporá de 20 millóns en 2024 para restaurar inmobles

O alcalde, terceiro dta., e conselleira, segunda, na presentación / X. g.

O alcalde, terceiro dta., e conselleira, segunda, na presentación / X. g. / j. m. ramos

A vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, presentaron este luns o proxecto de rehabilitación integral da casa reitoral de Montemaior, un inmoble histórico que se atopa sen actividade desde hai tempo e que foi cedido ao Concello polo Arcebispado de Santiago por un período de 29 anos co fin de ofrecerlle novos usos de interese xeral.

López Varela explicou que o primeiro obxectivo é “recuperar o patrimonio histórico do Concello” e “que os veciños poidan dispoñer dun punto de encontro no que reunirse e celebrar actividades”. Ademais habilitaranse un centro de referencia para os sectores agrogandeiro e forestal e un albergue xuvenil con capacidade para 25 persoas, que permitirá reforzar os programas de intercambio e voluntariado nos que participa o Concello.

O proxecto de rehabilitación está valorado nun total de 712.808,10 euros e financiarase a través do Fondo de Cooperación, mediante un préstamo sen xuros a devolver nun período de oito anos. O alcalde sinalou que se licitará antes de fin de ano.

A vicepresidenta segunda, Ángeles Vázquez cualificou o proxecto como “unha magnífica idea” polo servizo que o edificio ofrecerá á veciñanza e tamén polo futuro albergue xuvenil, xa que “precisamos xente nova que nos coñeza a través dos programas de intercambio nos que A Laracha é pioneira”.

Fixo ademais un chamamento a “poñer en valor o ámbito rural”, que é precisamente a finalidade destes Fondos de Cooperación, creados “para axudar aos concellos de menos de 50.000 habitantes ofrecendo liquidez, porque son os que teñen menos recursos económicos”, subliñou Vázquez. Sinalou tamén que a Xunta disporá o vindeiro ano de 20 millóns de euros para conceder préstamos sen xuros para levar a cabo actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.

Cómpre salientar que este fondo se financia con cargo ás fianzas de alugueiro depositadas no IGVS, cuxa devolución aos depositarios está plenamente garantida. As cantidades devoltas polos concellos pasan a integrarse novamente no fondo para que poidan ser reutilizadas en novos préstamos.

A vicepresidenta subliñou que na convocatoria de 2023 se recibiron 39 solicitudes por un importe total de 10,15 millóns de euros, que están sendo valoradas.

Nesa liña, lembrou que entre 2017 e 2021 se concederon préstamos por importe de máis de 11,35 millóns de euros para financiar 50 actuacións, e no ano 2022 destináronse 6,38 millóns de euros a 28 convenios para actuar en 18 municipios.