Boiro lidera un plan integrado de emprego dirixido a 100 mulleres

Á iniciativa sumáronse tamén os concellos de Rianxo e A Pobra

A Laracha acollerá un programa semellante para desempregados

Os tres alcaldes co persoal que xestionará o programa /concello boiro

Os tres alcaldes co persoal que xestionará o programa /concello boiro / J. M. RAMOS

O Concello de Boiro, coa colaboración dos de Rianxo e A Pobra, impulsa un novo Programa Integrado de Emprego no que se van a formar 100 mulleres desempregadasda comarca durante 12 meses. Van recibir formación específica e participar en xornadas formativas destinadas a mellorar as súas habilidades para favorecer a súa empregabilidade e inserción laboral.

A formación consta de módulos formativos en Envasado, acondicionado e embalaxe de produtos alimentarios; Elaboración de pezas cárnicas, Sistemas e procesos loxísticos; Marketing online; Cociña; Atención ao cliente; Restauración; e Preparación de produtos do mar.

Ademais dunha programación en módulos específicos, o programa inclúe outras accións tranversais como a formación para a mellora da empregabilidade, habilidades sociolaborais, idiomas e novas tecnoloxías, prospección de ofertas ou deseño de currículos, entre outros.

Todas as persoas inscritas contarán cunha bolsa de asistencia de 10 euros por día e un módulo específico de prácticas en empresas do Barbanza. Para facilitar a conciliación vaise facer unha aposta polas novas tecnoloxías, a adaptación de horarios e a flexibilidade, en función das necesidades das participantes.

Para participar neste programa as persoas interesadas deben inscribirse na Oficina de Emprego e solicitar a asignación do código 930. O interesados poden obter máis información nos enderezos electrónicos cesar.cortinas@boiro.gal e fatima.gomez@boiro.gal ou nos teléfonos 650 042 409 e 659 247 963.

“É a quinta edición deste programa, que cada ano ten moi bos resultados de inserción laboral. A integración agora de Rianxo e A Pobra vainos permitir chegar a máis persoas demandantes de emprego e fomentar a inserción laboral na comarca”, afirmou o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, quen na compaña dos seus homólogos de Rianxo e A Pobra, Julián Bustelo e José Carlos Vidal, visitou o Centro de Formación para coñecer ao persoal que vai levar a cabo o programa.

Pola súa banda, o Concello da Laracha, co apoio da Xunta, tamén porá en marcha un programa semellante para mellorar a empregabilidade de 100 persoas, co obxectivo de acadar un mínimo do 41% de inserción laboral. Neste caso está dirixido a residentes no municipio larachés e que estén en paro. Outorgarase preferencia a persoas con discapacidade, menores de 30 anos con baixa cualificación, maiores de 45 anos, mulleres, desempregados de longa duración e perceptores de subsidios por desempregoo ou renda activa de inserción social. Os interesados poden informarse na Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local.