Carballo leva a cabo melloras en estradas por un importe que supera os 2,6 millóns de euros

O maior investimento corresponde á última fase da travesía de Sísamo, de máis de 2 Km

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, dereita, e o edil de Obras, Luis Lamas, visitando obras nun  vial.

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, dereita, e o edil de Obras, Luis Lamas, visitando obras nun vial. / Concello de Carballo

O Concello de Carballo ten en contratación nestes momentos obras viarias por importe de 2.624.216 €. Case o 87% corresponde á última fase da travesía de Sísamo, que supera os dous quilómetros de lonxitude, cun treito urbano (desde o remate da segunda fase ata a ponte da AG-55) e outro rural, desde ese punto ata o lugar do Outeiro. O obxectivo do proxecto é completar as infraestruturas urbanas e mellorar a mobilidade e a seguridade peonil.

O resto deses 2,6 millóns de euros repártense entre a reurbanización da rúa Portugal, que ten un orzamento de 134.673,62 euros, e a pavimentación do núcleo do Vilar do Carballo (Oza), na que se investirán 210.015,14 euros.

Ademais do traballo técnico e do servizo de contratación, tamén se está a traballar sobre o terreo, a pesar das adversas condicións meteorolóxicas. Nos últimos días remataron outras dúas obras viarias.

Por unha banda, actúase na estrada entre Bolón (Sofán) e Vilar de Francos (Artes), cun investimento de 225.140 euros, para a instalación de tubaxes de abastecemento de auga nos núcleos de Bolón, A Pontenova, A Calzada e Vilar de Francos, e para o aglomerado de 8.400 m2 de vía, que agora ten unha anchura mínima de 5,50 metros. Só falta a sinalización.

A outra obra rematada é o acceso ao lugar de Vivente (Ardaña), de 150 metros de lonxitude, que xa está pavimentado con formigón. Dentro do mesmo proxecto, financiado con fondos Agader, figura a mellora do viario interior do núcleo de Arnados (Razo), que está en execución neste momento. O orzamento das dúas actuacións acada os 101.336 euros.

Outras actuacións viarias que xa están en marcha son a reurbanización das rúas Labarta Pose, Manuel Murguía e Otero Pedrayo, por unha banda, e da rúa Estrela (reanudarase despois do Nadal), por outra. Tamén se están a mellorar a accesibilidade e a mobilidade peonil con obras de mellora e ampliación de beirarrúas na zona urbana e na parroquia de Ardaña, e na eliminación de barreiras arquitectónicas en varios barrios.

TEMAS