Dodro esixe un cadro médico estable cunha concentración diante do centro de saúde

O Sergas destaca que xa se destinou un segundo facultativo, e que non se produciron carencias

O rexedor recoñece a falta de sanitarios, pero lembra que o reforzo acude só tres días á semana

Concentración en defensa da sanidade celebrada este xoves no centro de saúde de Dodro

Concentración en defensa da sanidade celebrada este xoves no centro de saúde de Dodro / Concello

Medio cento de veciños e políticos de Dodro, co seu aldalde á fronte, concentráronse diante do centro de saúde local despois de que nas últimas semanas viran recortado "o seu cadro de persoal", apuntaban nun manifesto público. Pola súa banda, dende o Sergas deixan claro que a segunda praza facultativa cubriuse, se ben só durante tres días á semana; que a asistencia sanitaria nunca foi interrumpida e que o número de tarxetas sanitarias non é tan alto como para afectar á veciñanza, sen ter constancia de protestas por parte dos usuarios.

Os manifestantes lembran, de calquer xeito, que a falta de previsión provocou que un só facultativo chegase a atender o traballo de dous, o que repercutiu "nun maior número de consultas, ampliación do tempo de espera para ser atendidos, estrés para o profesional médico, maior utilización do servizo de urxencias e maior desprazamento para as consultas médicas". Ao seu xuizo, iso redundou "nunha peor calidade do servizo sanitario, servizo fundamental nun Concello con tanta poboación maior".

Ademais, concluiron facendo un chamamento "as autoridades locais para que se involucren e demanden a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia a inmediata normalidade dos servizos sanitarios no Concello de Dodro, tamén o servizo de pediatría, que leva sen atenderse de forma continua desde fai anos, e que é fundamental para construír un Concello xoven e con futuro".