Motoristas solidarios levarán o Nadal ata Lalín e Ordes vai correr por Sergio

Oroso solicita doazóns de xoguetes ata o día 21 para familias sen medios e na piscina da Agasp estradense organizan unha San Silvestre solidaria o 24

Haberá actuacións de corais e grupos en Trazo e Teo na fin de semana, e cinco eventos para os desfavorecidos en Silleda 

Membros do Motoclube Lalín KM 0, que recollerá alimentos para O Mencer, nunha quedada

Membros do Motoclube Lalín KM 0, que recollerá alimentos para O Mencer, nunha quedada / Lalín KM 0

Continúa a programación de Nadal cunha chea de actividades que inclúen dende visitas dun Papá Noel xalleiro motorista ata eventos ou carreiras solidarias, como a ordense a favor de A Ilusión de Sergio, sen esquecer a Papanoelada Moteira de Lalín (con doazón de víveres para O Mencer), os cinco eventos previstos en Silleda ou solicitude de xoguetes en Oroso para familias sen recursos. 

Así, Santa Comba agarda xa pola visita de Papá Noel, que o vindeiro día 23 percorrerá as rúas da capital local dende as 16.00 horas en moto, acompañado de medio cento de forofos das dúas rodas. Os interesados en sumarse co seu vehículo ou colaborar poden chamar ao teléfono 679 815 654. Sen saír da capital do Xallas, a aula CeMIT ofrece un obradoiro para elaborar postais de Nadal, o día 19 a partir das 18.00 horas para a rapazada de entre 7 e 11 anos. Os interesados poden anotarse no teléfono 663 746 523.

Na vila de Ordes, pola súa banda, divulgan unha serie de actuacións que terán como marco a casa da cultura. Alí, o día 22 ás 17.30 horas, estará Fran Boza cas súas Malabaridades, mentres que o 26 chegará o turno de Dani García, o mago que traerá ás 18.00 horas a súa actuación Tin Maxia. O 28, á mesma hora, Moc Moc divertirá ao auditorio coa súa Peque Disco, e xa o 31 disputarase a San Silvestre benéfica, con saída a mediodía dende a rúa Entreparques a beneficio de A Ilusión de Sergio, o rapaz con Paraparesia SPG50 (inscricións en www.carreirasgalegas.com ata o 27).

BRINCANADAL. Xa na Baña, lembran que este venres 15 remata o prazo para sumarse ao campamento de conciliación Brincanadal. Poden facelo na web municipal ou no rexistro municipal, e alongarase entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, en horario de mañá. Custa 25 €.

En Brión escolleron este venres para facer o acendido de luces de Nadal, a partir das 18.00 horas na Carballeira de Santa Minia, incluíndo concertos de Uxía Lambona e a Banda Molona e da Banda Municipal de Brión, pero tamén un mercado festivo que organizan os alumnos de 6º do CEIP de Pedrouzos. Ademais, este venres comezan os eventos solidarios en Silleda con destino ao pobo de Palestina a través de Save The Children, a asociación AUPA Deza e tamén ao servizo municipal Silleda Solidaria. O primeiro será a Feira da Alegría do CEIP de Silleda na Praza Juan Salgueiro de Silleda, e seguirá o domingo no auditorio da Semana Verde, cunha audición de Nadal da Escola de Música de Silleda ás 17.30. Xa o día 30, a Banda de Música Municipal de Silleda celebra o seu concerto de Nadal en solidariedade coa asociación AUPA Deza, no pavillón 1 da Semana Verde ás 19.30, nunha xornada na que tamén se disputará un torneo solidario organizado pola S.D. Bandeira a partir das 17.00 no campo de fútbol A Gandareira (neste caso, a beneficio de Silleda Solidaria). Finalmente, e tamén en colaboración con Silleda Solidaria, a vila de Bandeira acollerá o tradicional concerto de Aninovo no Auditorio Manuel Dopazo, o día seis de xaneiro.

Quenes residan ou decidan visitar Trazo terán tamén unha programación cultural de Nadal que comezará co tradicional Festival de Corais e Grupos este sábado 16, no edificio de usos múltiples ás 19.00 horas. Participarán Os Xeitosos de Trazo, Xentiña de Trazo, Voces de Trazo, Pandereteiras de Codeso, Pena do Corvo, Coral Castrosúa, Néboas no Cumio, Petapouco e o dúo de acordeóns Alborada.

No que atinxe a Vedra, este sábado 16 de decembro haberá unha dobre cita co IX Trofeo de Judo Kumi Kata, co Club Escola de Judo e a colaboración municipal, pola mañá no pavillón de deportes de Vedra. E, dende as 19.00 horas na igrexa parroquial, concerto de Nadal organizado pola Coral Polifónica de Santa Cruz.

Tamén volve o CantaTeo, o encontro teense de corais que incluirá ao Coro Feminino San Simón, a Coral da Asociación Cultural Cruceiro do Monte e a Coral Polifónica de Luou. Será este domingo 17 no auditorio municipal, ás 17.30 horas. 

Pero igualmente está á volta da esquina o festival de Nadal da Escola da Banda Municipal da Estrada, que terá lugar o vindeiro mércores 20 de decembro, ás 19.30 no Teatro Principal. Será necesario retirar convite para asistir, no departamento de Cultura do Concello, e actuará o alumnado, sen esquecer ao Grupo de Música e Movemento, a Banda Infantil e a propia Banda da Escola. No concello estradense organizan unha San Silvestre acuática na piscina da Agasp, o 24 e a favor de Cáritas. Anotacións no número de teléfono 986 180 198. 

No Pino elixiron a postal de Nadal deseñada por Nerea Garea García, alumna de 6ºA de Primaria do CPI Camiño de Santiago, para felicitar as festas, e en Lalín, onde as súas Aldeas de Nadal continúan a arrasar entre veciños e visitantes, organizan unha papanoelada moteira solidaria, a favor da Asociación de Voluntariado O Mencer o sábado 23 de decembro, con saída ás 17.00 horas desde a sede do Motoclube Lalín Km 0 (que organiza o evento coa colaboración do Concello). Prégase aportar alimentos non perecedoiros, como arroz ou pasta. E Oroso organiza a campaña de doazón de xoguetes novos ou seminovos, que se deben entregar na casa consistorial ata o 21 de decembro, polas mañás.