Carballo adoza as compras con chocolate, e Rianxo con crepes

Ademais dos vales para mercar nos comercios, entréganse boletos para trocar por doces // Vimianzo inaugurou a pista de xeo natural 

En Vimianzo xa está operativa a pista de xeo natural.

En Vimianzo xa está operativa a pista de xeo natural. / Concello de Vimianzo

Concellos e patronais animan este mes o Nadal con sorteos e propostas lúdicas para ambientar as rúas e promover as compras. Así, en Carballo, coincidindo co mercado semanal, o xoves 21 arrincará unha campaña na que colaboran 87 comercios dos sectores máis diversos. Por cada compra por un importe superior a 25 € entregarán un boleto para trocar nas casiñas do poboado de Nadal situado no xardín municipal por chocolate ou galletas elaborados en Carballo de xeito artesanal.

En total repartiranse máis de 5.000 agasallos. Os boletos poderán trocarse os días 22, 23, 24, 29, 30 e 31 de decembro e 4 e 5 de xaneiro. E, ademais, os clientes participarán no sorteo de 20 vales por importe de 150 € para mercar no comercio local a partir do 31 de marzo.

En Vimianzo inaugurouse a pista de xeo natural, no lateral do Concello. Estará aberta ata o día 7 e a entrada custa 5 € (inclúe o uso dos patíns e ten unha duración de 45 minutos).

Tamén a patronal de Rianxo puxo en marcha unha campaña na que os clientes poden conseguir coas súas compras vales para tiradas nunha ruleta e gañar paraugas, mochilas, botellas, tazas, bolsas e lambonadas, e participar no sorteo de 10 vales de compra de 50 €. A ruleta estará, de 17.30 a 20.30 horas, o mércores 27 na Praza de Castelao;o xoves 28 nos xardíns da Martela; o mércores 3 na Atalaia (Asados); e o xoves 4 en Campo de Pazos (Taragoña). Tamén haberá inchables e talleres para os cativos, e un posto de crepes para o que se poderán conseguir descontos coas compras feitas nos comercios.

Por outra banda, para os que prefiran a comodidade da participación en liña, a patronal rianxeira ofrece a posibilidade de acceder á súa páxina web é rexistrar os tiques e facturas das compras e consumicións realizadas entre os días 11 de decembro e 8 de xaneiro en calquera dos negocios asociados. Isto permitirá participar noutro sorteo de 10 vales de compra de 50 euros.

En Laxe sortearanse tres premios (de 250, 150 e 100 €) para trocar nos establecementos adheridos á rede comercial do municipio. Cada un dos establecementos participantes terá exposta unha caixa na que os clientes poderán depositar os tiques ou facturas das compras que realicen do 21 de decembro ao 13 de xaneiro, por un importe igual ou maior a 20 €, incluíndo o nome e os apelidos, o DNI e o teléfono de contacto.

E en Noia, a patronal Noia Histórica activou a campaña Noia preto de ti, coa que se realizarán dous sorteos nos que se repartirán tres mil euros en vales de compra. Un deles será telemático o oito de xaneiro e o outro presencial, o vindeiro sábado 23 de decembro. Nesta campaña de Nadal participan cincuenta e cinco establecementos do municipio.