A Carballeira dos Trasgos gaña habitantes e afiánzase como espazo de ocio en Ames

O Concello incorpora cinco novas figuras ao carballal de Paramuíño, que ocupa 8.000 metros cadrados

Cada vez son máis as familias que se achegan á zona para pasear

Los alumnos de sexto de infantil del CEIP Agro do Muíño visitaron esta semana la Carballeira

Los alumnos de sexto de infantil del CEIP Agro do Muíño visitaron esta semana la Carballeira / Cedida

Redacción

Na Carballeira de Paramuíño, situada moi preto do CEP de Ventín e do campo de fútbol de Biduído, residen dende hai uns días cinco novos ‘habitantes’, que veñen a sumarse aos que moran no lugar dende que a comezos de ano o Concello de Ames realizou a primeira intervención na zona para poñer en valor a flora e a fauna do lugar e recuperalo para uso e desfrute das familias amesás.

As novas figuras coas que conta a carballeira situada na parroquia de Biduido, que ocupa uns 8.000 metros cadrados, son unha xeneta, unha bubela, unha víbora, una avelaíña e una xoaniña, que agora comparten espazo coa vacaloura, a bolboreta macaón, a donosiña, a curuxa, a píntega e o peto real que chegaron ao lugar a comezos de ano. Naquela primeira intervención tamén se recrearon distintos seres habituais dos contos e lendas galegas, como trasgos ou damas.

A intención do Goberno local é seguir sumando figuras a unha zona de lecer que cada vez é máis frecuentada polas familias do municipio, fundamentalmente dos arredores de Biduido e O Milladoiro.

A recreación realizada na carballeira, a través da Aula da Natureza do Concello de Ames, correu a cargo da empresa amesá Escenoset.

Para dar a coñecer as novas figuras, que foron colocadas esta semana, realizouse unha visita á Carballeira dos Trasgos na que participaron o alcalde, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural, Javier Antelo; a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; e alumnado de sexto de educación infantil do CEIP Agro do Muíño.

“Este é un proxecto que está tendo moi boa acollida dende a súa posta en marcha”, salientou o rexedor. “É algo de todos os veciños e veciñas, que debemos coidar. Esperamos que a xente continúe vindo visitar este espazo tan acolledor”, engadiu Blas García.

Pola súa banda, o concelleiro Javier Antelo salientou que a actuación permite poñer en valor un espazo de gran importancia ambiental como é a Carballeira de Paramuiño e animou os veciños a achegarse á zona para pasear e descansar.