A Pobra acondicionou o centro de acollida de animais abandonados

O alcalde, Carlos Vidal, no centro de acollida de animais da Pobra.

O alcalde, Carlos Vidal, no centro de acollida de animais da Pobra. / Concello da Pobra

Suso Souto

O compromiso do Concello da Pobra co benestar animal dá un paso máis coa mellora das instalacións do centro de recollida. O alcalde e titular da concellería de Benestar Animal, José Carlos Vidal, explica que remataron xa os traballos de acondicionamento da zona de esparexemento. Efectuouse a pavimentación do patio exterior do recinto, a construción dun muro de contención e a mellora na canalización de pluviais para a eliminación de filtracións no inmoble. O investimento situouse en preto dos 25.000 euros, IVE incluído, a cargo do remanente da Tesourería, e a obra foi executada por Excavaciones Nima. Con relación a esta intervención, o mandatario local manifesta que “este goberno séntese orgulloso deste tipo de accións; de lles dar unha oportunidade aos animais que foron apartados a un lado, abandonados ou maltratados, polo cal, mentres non sexan adoptados e estean baixo a custodia do Concello, sempre terán unhas condicións de vida dignas.”

Tamén agradeceu o labor da Protectora Moura.