A tradicional matanza do porco xunta centos de veciños e visitantes na aldea lalinense de Anzo

O exemplar, de 184 quilos, foi transportado nun carro tirado por vacas

Os asistentes degustaron produtos típicos

Houbo exposición de apeiros e oficios, teatro e música

Centos de veciños e visitantes presencian o despece do porco, que pesou 184 quilos en canal

Centos de veciños e visitantes presencian o despece do porco, que pesou 184 quilos en canal / c. de lalín

A casa de Golmar de Anzo acolleu este sábado a XXIV Matanza Tradicional de Lalín, unha celebración organizada conxuntamente pola veciñanza das parroquias de Anzo e Busto e que contou cunha elevada participación de veciños e visitantes. “Foi unha das edicións máis sobresaíntes e completas xa que contou con moitas actividades e representacións de carácter etnográfico”, subliñan dende o Concello.

O porco foi un exemplar lalaíno de 184 quilos en canal, que foi transportado como tradicionalmente se facía, nun carro tirado por vacas e levado ao lugar do seu despece. Tras a Matanza, houbo unha degustación de produtos típicos como costela, torresmos e chourizos. A maiores, a veciñanza aportou unha gran diversidade de sobremesas típicas.

A celebración foi narrada e comentada polo xornalista Manuel Vilariño e polo Cronista Oficial de Lalín, Daniel González Alén, que achegaron aos visitantes aspectos historiográficos, etnográficos, culturais e ata anecdóticos ao redor deste evento que está tan enraizado nas tradicións lalinenses.

Representacións etnográficas

Houbo tamén varias representacións de carácter etnográfico, como unha exposición de apeiros de labranza e de antigos oficios, a representación da chegada dunha emigrante de Bos Aires, o afiado de gadañas, a escarocha do millo, a escenificación dun escribán que redactaba todo tipo de documentos relacionados coa vida dunha parroquia, e unha regueifa da torna da auga, moi representativa das antigas liortas entre veciños. Non faltou tampouco a música, da man de Carballeira de Cercio e do Trío 3.com.

O alcalde José Crespo, agradeceu a total dispoñibilidade que os veciños destas dúas parroquias tiveron dende o primeiro momento para ser organizadores da Matanza, da man da comisión organizadora integrada por veciños de ambas dúas parroquias e dos concelleiros de Festas, José Cuñarro, e de zona, Marcos Mariño. Agradeceu tamén á familia Cortizo (ao matrimonio conformado por José Luis Cortizo Vila e María José Méijome Pérez e ao seu fillo e nora, Rubén Cortizo Méijome e Ana Valladares González) a cesión da casa fidalga e as súas construcións anexas para levala adiante. Trátase dun inmoble singular con hórreo, palleira, lareira, portada de madeira, eira enlousada de pedra, entre outros moitos elementos singulares.

Á celebración, enmarcada nos actos da Feira do Cocido, asistiron tamén o conselleiro de Cultura, o presidente da Deputación de Pontevedra e unha nutrida representación de membros da Corporación local.