Cocido, Camiño e historia da salazón en Barbanza e Arousa ‘toman’ Fitur

O rexedor de Lalín divulgou os novos comendadores: o conselleiro de Medio Rural e Belén Xestal

Blas García, alcalde de Ames, lembrou que a Ruta Xubilar continúa cara o fin do mundo

Alcaldes da Prolongación do Camiño e técnicos en Fitur

Alcaldes da Prolongación do Camiño e técnicos en Fitur / Concello

A comarca de Compostela segue presente en Fitur, despois dunha xornada inicial, a do mércores, na que o rexedor de Lalín, José Crespo, comezaba a divulgar o Mes do Cocido e os municipios por onde pasa a Prolongación do Camiño presentaban a campaña Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra. Pola súa banda, a Mancomunidade Barbanza- Arousa proxectaba este xoves un audiovisual que forma parte do documental Voces da conserva.  

Deste xeito, no que atinxe a dita presentación xacobea, foi o alcalde de Ames e responsable da área municipal de Turismo, Blas García, o encargado de divulgar a iniciativa Fíos... até a fin, dende Santiago até Fisterra da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía. García falou xunto aos seus homólogos de Fisterra, Áurea Domínguez, e de Cee, Margot Lamela Louzán, e a Toño Casais, creador do vídeo da campaña.

Deste xeito, e dende o estand de Turespaña, citaron as características do Camiño Fisterra-Muxía, destacando García que “hai camiño máis alá de Santiago. O Camiño de Fisterra-Muxía é o único Camiño que non acaba en Santiago, senón que comeza en Santiago e nos leva ata o fin do mundo. É un Camiño que ten moita vida, pero ademais disto, ten ríos, mar, montañas e ata ten un home lobo na súa lenda. Tamén ten moita luz, monumentos... Pero, sobre todo, ao longo do seu percorrido podes atopar moitas persoas que van acompañar e van facer máis alegre o Camiño que discorren os peregrinos e peregrinas”, apuntaba.

TRES. Tamén se referiu a que “polo concello de Ames discorren tres camiños e un deles é o Camiño de Fisterra-Muxía. Trátase dun camiño moi importante e distinto a todos os outros. Santiago, Ames, Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Muxía e Fisterra somos os concellos que formamos parte da Asociación de Concellos do Camiño Fisterra-Muxía, que hoxe estamos aquí, para promocionar dita campaña. Moitos xa coñecedes este Camiño, pero os que non o coñezades estades convidados a percorrelo porque seredes ben recibidos”, apuntou.

No caso de José Crespo, mandatario de Lalín, a visita centrouse nunha Feira do Cocido que “segue a ser un dos reclamos e das bazas económicas importantes para o noso municipio e para a nosa comarca; e segue a ser unha das referencias gastronómicas de Galicia máis importantes”. Tamén falou da “transcendencia que ten que as festas gastronómicas internacionais galegas camiñen da man para facer unha difusión e promoción conxuntas que permita consolidar o turismo como ferramenta de primeiro nivel”. E, por outra parte, o mesmo rexedor anunciou este xoves que á lista de comendadores que prometerán o seu cargo na defensa da Feira do Cocido de Lalín o vindeiro 4 de febreiro, coincidindo coa celebración do día grande, uniranse José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, e a xornalista, comunicadora e produtora audiovisual Belén Xestal.

Noutros casos, como no do Concello de Camariñas, contratáronse insercións publicitarias durante esta semana nas grandes pantallas de Callao e Gran Vía e nas do frecuentado Mercado de San Miguel. E dende a Mancomunidade Barbanza-Arousa, este xoves proxectaban o novo audiovisual que fai un percorrido pola historia da salazón e a conserva industrial narrada polos seus protagonistas. O documental dá apoio ás diferentes accións que se están a desenvolver a través do Plan de Sustentabilidade Turística dotado cunha financiación de 1,5 millóns de euros dos fondos Next Generation para dotar de infraestruturas como o Museo da Conserva (Boiro), o Museo da Salazón (Ribeira), a posta en valor do Barrio dos Cataláns (A Pobra do Caramiñal) ou as aulas enogastronómicas (xa no concello de Rianxo).