Os maiores de 50 anos de Costa da Morte volven ás aulas en Zas

 Patrimonio, sociedade, ciencia, tecnoloxía e benestar centran o plan do sexto Programa de Democratización do Coñecemento da UDC

Participantes nunha sesión formativa da quinta edición en Baio

Participantes nunha sesión formativa da quinta edición en Baio / UDC - Universidade Sénior

J. M. Ramos

Dar resposta ás inquedanzas e necesidades formativas das persoas maiores de 50 anos de Costa da Morte é o obxectivo principal do Programa de Democratización do Coñecemento impulsado hai seis anos pola Universidade da Coruña, coa colaboración do Grupo de Desenvolvemento Rural e o Concello de Zas, e a financiación da Xunta.

O vindeiro luns, día 19, comezará a sexta edición do plan formativo, estruturado en tres módulos, con sesións teóricas e prácticas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña. Patrimonio e sociedade, ciencia e tecnoloxía, e saúde e benestar son os eixos temáticos deste ano.

As sesións informativas terán lugar, como en edicións anteriores, no centro sociocultural de Baio (Zas), dous días á semana ata o mes de abril. O prazo de inscrición remata este mércores, día 14, e pódese formalizar online a través do espazo web UDC Sénior Costa da Morte, ou presencialmente a través dos axentes de desenvolvemento local dos diferentes concellos.

Na primeira sesión, a profesora Elvira Santiago Gómez adentrará aos participantes no Imaxinario social da natureza e os seus desastres. Pola súa banda, Elvira Lezcano González disertará sobre A moda a través da historia (o día 27) e o profesor Miguel Abelleira Doldán impartirá a sesión Zas: unha cidade e unha historia (o día 29). Xa en marzo, o día un, o profesor Miguel Abelleira Doldán guiará aos participantes nunha visita cultural á cidade da Coruña.

O módulo de ciencia comezará o 4 de marzo coa ponencia I+D e Innovación en Galicia, a cargo de Alfonso Bravo Juego, e continuará o día 5 da man da profesora Alsira Salgado Don coa sesión Situarse no mar: o ceo como guía. Salvador Naya Fernández falará de Ciencia con datos (o día 11) e o ciclo pecharase cunha saída de campo á Casa das Ciencias da Coruña o día 12 de marzo.

A área de saúde e benestar comezará o 18 de marzo co análise dos Factores de risco de demencia, a cargo do profesor José Luis Rodríguez-Villamil Fernández, e continuará o día 19 coa ponencia Que é o edadismo? Reflexionando para acadar unha sociedade inclusiva, a cargo da profesora Raquel Veiga Seijo.

Xa en abril, o día 1 a tamén profesora da UDC Rosa Meijide Faílde exporá a relación de Augas termais e saúde. A sexta edición do Programa de Democratización do Coñecemento clausurarase cunha saída ao Balneario de Carballo, que se fará en dúas quendas os días 2 e 3 de abril.

A Universidade Sénior da UDC, que comezou a súa andadura na Costa da Morte no concello de Zas, ten, dende o pasado ano en Carballo a segunda sede. Na primeira edición na capital de Bergantiños participaron 68 maiores de 50 anos.