As comparsas e disfraces encheron de cor as rúas nun animado Martes de Entroido

Fantasía de Notre Dame veu dende Tomiño para triunfar na Estrada e Silleda organizou dúas festas

Os Enjominados de Sée levaron o primeiro premio en Camariñas, e en Boiro haberá o domingo 4 enterros 

Os Enjominados de Sée gañaron o concurso de comparsas de Camariñas

Suso Souto

Redacción

Pasou o Martes de Entroido cunha chea de celebracións e desfiles distribuídos pola comarca compostelá, que comezaron na fin de semana co Sábado de Piñata moi preto. Precisamente, en Tabeirós-Terra de Montes non quixeron agardar, e este luns viviuse un dos percorridos máis coloridos polas rúas da Estrada, onde o grupo Fantasía de Notre Dame (da comparsa Ciclón, de Tomiño) levou os 1.200 euros de premio á espera dos Xenerais e os deseños que presentaron na tarde de onte as distintas parroquias. Lalín tamén tiña troula prevista no centro comercial Pontiñas, e Silleda na praza Salgueiro e no centro social.

Festa infantil de disfraces celebrada este martes no Concello de Silleda

Festa infantil de disfraces celebrada este martes no Concello de Silleda / Concello

O Pino foi outro dos concellos onde estas festividades teñen forza, e repartiron 2.300 € en premios (a mellor comparsa, Festas do Apóstolo anos 60, levou 700 € e a carroza máis destacada, A Catedral de Santiago, 500 €). Ademais, en Brión levou o primeiro premio a comparsa Entre flores anda o conto, de Boiro, e en grupos gañou Fantasía Oriental, de Santiago. En total, 2.500 euros.

En Camariñas, a comparsa Os Enjominados de Sée levaron o primeiro premio de 800 euros. O segundo galardón foi para Morriña (600 €) e o terceiro para Os da Charca, de Fisterra (300 €). O desfile polas rúas rematou cunha degustción de filloas e rosquillas e, pola tarde, pechouse o Entroido local cunha festa infantil.

O Entroido tamén encheu o pavillón municipal de Cabana de diversión, disfraces e moita troula. O festexo congregou tanto a pequenos como a maiores para gozar dos xogos, unha gran festa con inchables, música e unha degustación dos doces elaborados nas panaderías do municipio. Despois, o concurso de comparsas reuniu diversas propostas de actualidade e outras máis clásicas.

 Igualmente, os máis cativos gozaron dunha pasarela de disfraces con merenda de balde para os participantes, e a xornada deu remate baixo o ritmo do dúo Primera Fila.

En Vimianzo, a casa da cultura acolleu este martes o segundo obradoiro de cociña entroideira, no que a cativada se puxo mans á obra para elaborar doces típicos destas datas, como filloas ou rosquillas.

En Ribeira, onde este martes foi festivo local, a avenida do Malecón acolleu o desfile de comparsas e murgas e o concurso. Tamén en Boiro houbo desfile con animación de bufóns e trobadores. Neste municipio o Tren do Entroido permitirá asistir aos enterros do Farruco (Cabo de Cruz) da Cunca (Praia Xardín), do Óso (Abanqueiro) e do Felipiño (Escarabote). Na Pobra, as comparsas Samieira, Os da caña, As Sonecas e Cor café acompañaron o desfile.