A Pobra deseña un orzamento para o crecemento económico e social

As contas de 2024 superan os 9 millóns de euros

Haberá unha partida específica para o patrimonio

Medran as de conciliación e benestar animal

O alcalde, no centro, con concelleiros do goberno na presentación do orzamento

O alcalde, no centro, con concelleiros do goberno na presentación do orzamento / Concello da Pobra

J. M. Ramos

Crecemento económico, social e de infraestruturas son os eixos que rexen a proposta orzamentaria do goberno municipal da Pobra do Caramiñal que se debaterá nun pleno extraordinario o xoves, día 29. A contía ascende a 9.163.339 euros.

O executivo que preside José Carlos Vidal quere así “dar resposta ás demandas da veciñanza, tras incrementar a asignación de mantemento en tódalas áreas e nalgúns servizos dos cales a administración local é pioneira e referente”, afirma.

Crearase unha partida destinada ao patrimonio, e medrarán as de conciliación, seguridade e benestar animal, entre outras. “Somos plenamente conscientes do que queren os nosos veciños e veciñas, froito da escoita activa. Queremos cumprir coas súas expectativas, queremos unha Pobra coidada e próspera”, afirma o alcalde, José Carlos Vidal.

A Pobra do Caramiñal será o primeiro municipio da comarca en debater o seu documento económico para o exercicio de 2024. O mandatario local remarca a importancia de contar cun orzamento actualizado para optimizar o desenvolvemento da actividade diaria municipal. “Por iso nos puxemos a traballar nel dende o primeiro momento, como un exemplo máis do noso compromiso. Somos un executivo cohesionado, onde deixamos de lado os intereses partidistas para centrarnos no verdadeiramente importante: o servizo público e o ben común”, subliña.

O concelleiro da Facenda, Eloy Sobrido, salientou a importancia de aprobar o novo orzamento cos gastos actualizados, o cal “nos vai permitir atender de maneira máis áxil as necesidades que a veciñanza nos foi transmitindo ao longo destes meses”. Destacou o crecemento do crédito destinado ao mantemento nas distintas concellarías, o reforzo de servizos, o impulso ao tecido comercial e a achega a entidades como Protección Civil.

Nesta mesma liña tamén se pronunciou a edil da Cultura, Patricia Lojo, quen reiterou a facilidade de chegar a un acordo por parte das catro forzas que integran o goberno, pois “priorizamos sempre A Pobra do Caramiñal por riba de calquera partido político”, enfatizou. “Este orzamento responde a unha Pobra ben coidada. Non só queremos ser dinamizadores, tamén motor para xerar emprego. Isto exemplifícase co programa de asesoramento individualizado para o comercio e a hostalaría, a Escola de Segunda Oportunidade, a potenciación do coworking e afondando no eido social”.

Pola súa banda, o edil do Urbanismo, Xosé Lois Piñeiro, subliñou o soporte para o mantemento nas distintas áreas, como a dos Servizos Municipais, para seguir facendo énfase na limpeza, ou as consignacións para Turismo ou Medio Ambiente.