O podcast '8 Miradas' revela as historias de oito mulleres de Vimianzo

A programación do Día Internacional da Muller inclúe tamén un Roteiro do 8M e unha sesión de contos

Imaxe do Roteiro 8M do Concello de Vimianzo

Imaxe do Roteiro 8M do Concello de Vimianzo / CEDIDA

Redacción [Vimianzo]

O Concello de Vimianzo conta cunha completa programación de actividades para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller, que inclúe a creación dun podcast protagonizado por oito mulleres do municipio, o Roteiro 8M e unha sesión de contos da man de Ángeles Goás.

As actividades daban comezo este martes, 5 de marzo, cunha camiñada polo percorrido do Roteiro 8M. A iniciativa contou coa participación da veciñanza, incluido o alumnado da ESO do IES Terra da Soneira. 

Hoxe venres, 8 de marzo, as 11:00 horas, terá lugar a presentación do podcast ‘8 miradas’, unha iniciativa creada co obxectivo de dar a coñecer a historia de distintas mulleres do municipio a través dunha conversa gravada con Sergio Trillo. 

Na inauguración expoñerase un pequeno vídeo resumo con algúns detalles sobre cada un dos oito episodios que o integran: ‘De Senegal a Vimianzo’, protagonizado por Bintou Coly; ‘Vivir cantando’, protagonizado por Carmen Limideiro; ‘Poeta autóctona’, por Natalia Lema; ‘Máis alá da cegueira’, por Carmen Lorenzo; ‘Os coidados e o teatro’, protagonizado por Teresa Ferreira; ‘A lucidez na lonxevidade’, por Manuela Conde; ‘Alemania, EEUU, Perú, Galicia’, por Sabine Pfeiffer e ‘A persoa trala política’, protagonizado pola alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

En cada historia, as mulleres protagonistas relatan distintas curiosidades e experiencias que marcaron as súas vidas. O alumnado da ESO do IES Terra da Soneira foi o público das gravacións, creando un vínculo interxeneracional e rompendo coas barreiras da idade. 

Chegar ao público máis novo a través das mulleres adultas era un dos principais obxectivos desta iniciativa. Tal e como sinala a concelleira de Benestar Social, María José Pose, “escollemos este formato para chegar ás novas xeracións a través da tecnoloxía e facerlles chegar a mensaxe de oito mulleres que son un exemplo de superación e esforzo para conseguir todo aquilo que se propuxeron”. Unha forma de “conectar a distintas xeracións a través das historias das nosas veciñas e do papel que desenvolveron ao longo da historia”, afirma Pose. 

As pezas, que se irán compartindo de maneira semanal a través das redes , perdurarán no tempo, “para que as persoas poidan acceder a elas sempre que así o desexen”, completou a edila, “e non esquecer nunca que ao longo de moitos anos, foron moitas as mulleres que teceron a súa vida e deron pasos de xigantes para demostrarnos a todos e todas que podemos derrubar ata as barreiras máis altas para conseguir o que nos propoñemos”.

Para pechar a programación, o sábado, 9 de marzo, ás 20:30 horas, o auditorio da Casa da Cultura acollerá unha sesión de contos ‘Herdanza’ da man de Ángeles Goás. 

VER O ESPECIAL COMPLETO DO 8M