Dez talentos da internet de Galicia optan ao premio ao mellor contido dixital do Festival Carballo Interplay
Presentáronse 24 candidaturas de canles e creadores en galego
O encontro celebrarase do 4 ao 7 de abril na capital de Bergantiños
O festival de contidos dixitais Carballo Interplay celebrará a súa úndécima edición do 4 ao 7 de abril co fin de seguir apoiando e conectando os talentos da rede. Unha das novidades é o premio a Mellor Contido Dixital Galego, que xa ten 10 finalistas seleccionados entre as 24 candidaturas presentadas.
Os elexidos na categoría de mellor canle son o medio de comunicación ourensá OU Ké!, no que tratan temas relacionados coa política, a cultura ou o deporte dende un punto de vista humorístico; o videopodcast de humor e lifestyle Exército Mekemeke, retransmitido dende Ames Radio e conducido por Carlos Vieito, Lidia Veiga e Miguel Gómez Abad; Rebelico Revista, un medio que difunde en redes sociais e na súa web a cultura tradicional galega; Toxío, un proxecto multiplataforma sobre viaxes con especial atención tamén ao veganismo e a defensa dos Dereitos Humanos; e O Faiado Podcast, un videopodcast de conversas e humor dirixido á xeración Z e realizado por oito estudantes dende a Universidade de Santiago.
O Carballo Interplay reivindicará a creación de contidos dixitais dende Galicia na décima edición
Pola súa banda, na categoría de mellor creador os nominados son Iago Gordillo, de Recuncho Gamer, un espazo de divulgación sobre videoxogos en redes; Rodri Míguez, creador de contido en Tik Tok sobre música galega; Laura Veiga, creadora da conta Pingando, que trata temas de divulgación menstrual e saúde sexual; María Rúa, coñecida en redes como Prado Rúa (@prado_rua), creadora de contido sobre cultura e actualidade, e Sara Seco (@sarasecorial), popular en Tik Tok polos seus blogs e vídeos de lifestyle.
Optarán aos dous premios de 600 euros, por categoría, e presentarán os seus proxectos no propio festival, que contará tamén con shows en directo de programas como Exército Mekemeke, videpodcast nominado aos Premios Ondas na categoría de lingua cooificial; o podcast de tertulia cultural Café Derby 21, no que participarán Pablo Meixide, Blondiemuser e Lidia Veiga, entre outros; e unha videoregueifa entre dúas das creadoras de contido en redes máis populares do ecosistema galego: Sara Seco e Malva.