‘Fillas de Casandra’, prato forte da Pascua de Padrón

O programa tamén inclúe unha longa lista de propostas dirixidas a público de todas as idades

A concelleira Chus Campos, o deseñador Alfonso Blanco e o alcalde Anxo Arca.

A concelleira Chus Campos, o deseñador Alfonso Blanco e o alcalde Anxo Arca. / CEDIDA

BC

O Concello de Padrón presenta unha oferta musical atractiva e diversa para as Festas de Pascua 2024, dentro dun programa cheo de propostas nas que se lles dá cabida ás voces femininas e nas que se mestura o eido relixioso, cultural e deportivo. O concerto de Fillas de Cassandra o domingo 31 é un dos pratos fortes das festas, que atraerán ata Padrón milleiros de persoas.

Neste 2024, a axenda distínguese pola súa decidida aposta polas voces femininas e a riqueza da música galega, reflectindo así o compromiso do goberno local coa diversidade e coa promoción de talento do noso país. Fillas de Cassandra é un grupo que bebe do legado das cantareiras e pandeireteiras e que reivindica o feminismo e a necesidade de dar visibilidade ao talento artístico da muller.

As súas integrantes, Sara e María, encarnan a esencia da música galega contemporánea coa súa fusión de tradición e modernidade. O seu traballo non só conta co apoio do público senón tamén co da industria, como reflicten as súas catro nominacións para os premios MIN (Música Independente), os mesmos aos que opta, por exemplo, Tanxugueiras. Fillas de Cassandra figura nas candidaturas de Republic Network a mellor vídeoclip, premio Johnnie Walker a mellor artista emerxente, mellor álbum de música de raíz e mellor álbum en galego.

A actuación do vindeiro domingo día 31, ás 22.30 horas, no paseo do Espolón, promete ser un punto culminante das Festas de Pascua, ofrecendo ao público unha experiencia inesquecible.

Xunto a elas, o programa deste 2024 inclúe unha variedade de citas que celebran a diversidade musical e cultural. Desde actuacións de artistas emerxentes ata a presenza de grupos máis coñecidos, a oferta do Concello de Padrón reafirma o compromiso do municipio coa equidade, co intercambio cultural e co empoderamento das mulleres en todos os ámbitos. Os incombustibles Celtas Cortos, orquestras como Los Satélites, Olympus ou París de Noia, os concertos das bandas de música e dos grupos folclóricos locais, os pasarrúas e a presenza de diferentes DJ da man de Open Air conforman un escaparate que de seguro convencerán aos milleiros de persoas que se achegarán ata Padrón nestes días de Pascua.

As Festas de Pascua contarán cun punto lila para concienciar sobre a igualdade de xénero e contribuír a desfrutar dunha celebración libre de violencia sexista. Neste senso, o punto lila estará situado en pleno paseo do Espolón sábado 30 e domingo 31 de marzo, luns 1 de abril, venres 5 e sábado 6 de abril de 22.00 a 04.00 horas da madrugada.

LE AQUÍ O ESPECIAL SEMANA SANTA 2024 EN PDF

LE AQUÍ O ESPECIAL SEMANA SANTA 2024 EN PDF