PSOE e Rianxo en Común pactan as dedicacións do goberno local

Julián Bustelo, esquerda, e Óscar Rial

Julián Bustelo, esquerda, e Óscar Rial / Cedida

Suso Souto

O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo (Rianxo en Común) e o voceiro do PSOE, Óscar Rial, asinaron este martes o acordo que permitirá aprobar as dedicacións dos membros do executivo. Cómpre lembrar que Rianxo en Común goberna en minoría e que o alcalde estivo sen percibir retribución algunha por falta de acordo coa oposición, ata que, en base a unha moción do BNG aprobada por unanimidade en outubro, se lle asignaron 45.000 euros brutos anuais. Con todo, os outros catro membros do goberno só viñan cobrando por asistencias a órganos colexiados. En virtude do acordo cos socialistas, o primeiro tenente de alcalde, Julio Alcalde Hermo, cobrará 19.000 € brutos anuais, co compromiso de que efectúe, cando menos, un 70% da xornada e que substitúa ao alcalde, co 100% da xornada, cando este teña que ausentarse. A segunda tenente de alcalde, Ana Vidal Fungueiriño, cobrará 16.000 € brutos anuais, igual que José Alberto Angueira Gómez. O acordo achanda ademais o camiño para a aprobación do orzamento municipal de 2024 e recolle dez liñas estratéxicas de traballo a abordar de maneira conxunta durante os vindeiros meses. Entre elas, unha proposta consensuada para as obras do Plan Complementario de 2024 da Deputación.