Cee recuperará a historia baleeira do municipio para conmemorar os cen anos da factoría de Caneliñas
Estivo activa ata o 21 de outubro de 1985
O Concello, co apoio da Deputación, organizará conferencias, exposicións e visitas guiadas
O vindeiro 14 de novembro cumpriranse cen anos da chegada da primeira balea á factoría de Caneliñas, en Cee, e con tal motivo o Concello, co apoio da Deputación da Coruña, recuperará e porá en valor a historia baleeira do municipio.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, acompañado da alcaldesa, Margarita Lamela, a deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e tres concelleiras ceenses, visitou o enclave onde se levantaba a antiga factoría baleeira, unha industria de grande importancia cultural e histórica, xa que constitíu durante décadas unha referencia da Costa da Morte e un importante elemento dinamizador da economía.
A alcaldesa afirmou que “estamos falando da última baleeira de Europa”, a cal permaneceu activa ata o 21 de outubro de 1985, cando se procesou a última balea. A intención do seu goberno é aproveitar a efeméride do centenario para “tratar de recuperar e pór en valor” esta parte da historia de Cee.
Para iso, o Concello traballa nun programa de actividades que inclúe conferencias, exposicións, visitas guiadas, a creación dun gran mural artístico e a instalación de paneis informativos que compilen a historia da fábrica e do que supuxo desde o punto de vista social e económico, tanto para a localidade como para o ámbito da Costa da Morte.
Formoso subliñou o interese “histórico e cultural” do proxecto para recuperar e valorizar o pasado baleeiro do municipio e da comarca, que comezou cunha iniciativa noruega e chegou a exportar o produto a Xapón. “Unha historia singular que merece a pena que sexa contada e coñecida polas novas xeracións e que pode ser tamén un atractivo turístico máis para a comarca”, dixo, polo que se comprometeu a estudar a colaboración da Deputación nalgunhas das iniciativas propostas polo goberno municipal.
Homenaxe ás baleas en Cee con Fernández Naval e Xosé Iglesias
O presidente da Deputación aproveitou tamén a súa estancia en Cee para visitar as obras que se están a executar na estrada provincial DP- 2303, no núcleo de Bermún, en A Pereiriña, cun investimento de 619.842 euros. A actuación responde ao compromiso adquirido por Valentín González en novembro de 2021, tras a petición da alcaldesa dunha solución para mellorar a seguridade do tráfico no perigoso cruce coa estrada de Lires, a cal favorecerá tamén os desprazamentos a pé da veciñanza e o alumnado da escola unitaria.
As obras eliminan o citado cruce coa construción dunha rotonda de 28 metros de diámetro exterior e 12 interior, o que facilitará as manobras na intersección e contribuirá a diminuír a velocidade do tráfico. O proxecto inclúe tamén a renovación completa das beirarrúas, que se anchean ata os dous metros, e do pavimento da senda existente. Estes itinerarios a pé complétanse coa prolongación da senda peonil ata o cruce coa estrada AC-552.
Na Pereiriña tamén se investiron máis de 287.000 euros para dotar á zona de servizo de abastecemento de auga, financiado con cargo ao Plan Único da Deputación. Dende Cee, Formoso instou á Xunta a que invista parte do que recada a través do canon da auga nos municipios. “A Xunta cobra o canon na factura que pagan os veciños de Cee, pero non reinviste nin un céntimo para mellorar as traídas e saneamentos”, afirmou.
Temas
Más en Área
-
O parque empresarial de Vimianzo segue medrando cunha nova nave para Gerca
-
Un aparcamento verde dotado de 395 prazas complementa a rede de servizos da praia de Balarés
-
A chamada solidaria contra o cancro en Cee xuntou a cento cincuenta persoas nun xantar
-
Identificado uno de los tres menores que le dieron una paliza a otro en Ribeira