DINAMIZACIÓN

Trescentos mil bonos e 12 millóns de euros mobilizados na campaña Activa Comercio en toda Galicia

Na Costa da Morte foron 250 os establecementos participantes

En só cinco días esgotáronse os 2,5 M€ habilitados este ano

Belén do Campo, segunda dereita, co alcalde, cuarto, edís e comerciantes na Laracha

Belén do Campo, segunda dereita, co alcalde, cuarto, edís e comerciantes na Laracha / Xunta

J. M. Ramos

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este martes na Laracha os establecementos Mercería Avelaíña e Xoiería Cristóbal, dous dos locais adheridos este ano á quinta edición da campaña Bono Activa Comercio.

Do Campo sinalou que tan só cinco días despois de que se activase a descarga de bonos para particulares xa se tiñan esgotado os 2,5 millóns de euros habilitados polo Goberno galego para que os negocios adheridos puideran ofrecer descontos. Así, a campaña saldouse con 6.818 comercios sumados á iniciativa nas catro provincias, con preto de 300.000 bonos descargados e con 12 millóns de euros mobilizados en compras.

A delegada agradeceu a implicación dos 2.456 establecementos da provincia de Coruña que se sumaron a esta campaña e aos máis de 250 locais comerciais que se uniron a esta iniciativa no ámbito de Bergantiños e Costa da Morte, “o que pon de manifesto a utilidade desta proposta para o comercio local”, afirmou.

Belén do Campo cualificou de “éxito” o programa mediante o que a Xunta financiou descontos de ata 30 euros, co propósito de incidir na fidelización e na apertura a novos clientes para o tecido comercial galego.

Cómpre lembrar que os negocios que desexaron participar nesta iniciativa levaban adheríndose desde o 16 de abril, mentres que as persoas consumidoras interesadas puideron descargar os seus bonos de desconto na web www.bonosactivacomercio.gal desde o pasado día 26.

Ao igual que en anteriores ocasións, cada persoa só podía descargar un único bono. Os beneficiarios destas axudas obtiveron descontos de 5 euros por compras de entre 20 e 30 €; 10 € no caso de que o valor do comprado se situase entre 30 e 50 euros; e 15 € para transaccións superiores aos cincuenta euros.

Dende a Xunta subliñan que cos datos rexistrados nesta quinta edición, “en total, sumando as catro edicións anteriores, mobilizáronse no sector comercial retallista máis de 65,7 millóns de euros”.