Pablo Crespo: “A palabra é ilusión. Temos ambición para conseguir o ascenso do Compos”

A SD Compostela enfróntase este domingo ao Tarazona // O defensor da SD Compostela cree que as eliminatorias “decidiranse por pequenos detalles” // Foi un xogador indiscutible nos onces ata que caeu lesionado, pero agarda “adestrar esta semana e poder axudar ao grupo” // Fai un chamamento á afición: “O apoio dos nosos pode marcar a diferenza”

Pablo Crespo e Ramón Salgado (xerente de Limpezas Salgado) nas instalacións do patrocinador do encontro.

Pablo Crespo e Ramón Salgado (xerente de Limpezas Salgado) nas instalacións do patrocinador do encontro. / VALENTÍN ÁLVAREZ

A SD Compostela enfróntase este domingo ao Tarazona tras clasificarse para os play-off de ascenso a Primeira Federación. Por iso, Pablo Crespo analizou este martes nas instalacións de Limpezas Salgado (patrocinador do club e do encontro), que é o que espera o equipo.

O central compostelán, que contou con moito protagonismo ata a súa recente lesión, asegurou que confía en poder axudar na promoción: “Véxome con opcións, ao final está aí a ilusión de poder xogar un play-off, que non a hai todos os días. Si que levo unhas semanas un pouco dolorido no xeonllo, pero eu espero poder axudar ao grupo e adestrar esta semana”.

Repecto á SD Tarazona, rival que lle tocou ao Compos, sinalou que “tampouco falamos moito respecto diso, só podemos ver as estatísticas. Sabemos que é un equipo que marca moitos goles, como comprobamos nos datos da competición. Imaxinamos que é un equipo ofensivo e polo que vimos ten bos xogadores”. Engadiu ademais que “esta semana exporemos o partido e o adestrador daranos as ideas necesarias para poder facerlles dano”.

Preguntado polas diferenzas entre preparar un partido de liga e unha eliminatoria, Crespo afirmou que a cousa non é moi distinta: “Ao final todas as semanas estamos co foco posto no partido do domingo. Sabíamos a responsabilidade que tiñamos estas semanas de meternos na promoción e conseguímolo finalmente. Agora imos con moita ilusión, aínda que vai ser complicado, e esta semana en casa tentaremos sacar un bo resultado para ir a Tarazona con posibilidades”. Aínda así, sabe que tamén haberá que ter en conta as circunstancias unha vez chegado o encontro, pois “hai que ter en mente que son 180 minutos, con ida e volta e mesmo pode haber prórroga. Hai que saber xogar con iso”.

Chegada esta fase da tempada os erros poden ser definitivos e o tempo de reacción será mínimo, polo que o equipo deberá minimizar os tramos do encontro nos que non domina o esférico. “A final de tempada todos os equipos compiten por algo e os partidos son complicados. Equipos como o Racing B remontáronnos, pero ningún dos que está na parte alta da táboa conseguiu gañarnos. Ao final xóganse moitas cousas e creo que o play-off decidirase por pequenos detalles, teremos que estar concentrados, evitar cometer erros e facer o noso fútbol”.

Sobre a promoción de ascenso, aínda que hai quen a sinte como un extra de presión para os xogadores, o ‘5’ da esedé ten claro que a él o que lle xera é ilusión: “O equipo estaba feito para estar arriba e creo que un dos obxectivos conseguiuse. Agora temos a ilusión de poder ascender, de poder facer algo grande para o clube. E eu creo que a palabra é ilusión. Temos ambición e con iso tentaremos gañar estas dúas eliminatorias para conseguir o obxectivo maior, ascender”.

Un aspecto clave para logralo será, sen dúbida, que o Verónica Boquete volva a volcarse co equipo, como o fixo a semana pasada ante o Marino, polo que Pablo Crespo fixo un novo chamamento: “Creo que nos apoian, e que todos sexamos un vai ser importante, para logralo entre a afección e os xogadores. Ao final é unha eliminatoria na que vai haber momentos bos e momentos malos, porque como dixen vai decidirse por pequenos detalles. Creo que neses momentos malos será importante que sintamos o apoio dos nosos, pode marcar a diferenza para sacar un resultado positivo e pasar á última eliminatoria”. En especial, será de vital importancia lograr un bo resultado na ida, dada a vantaxe do rival en caso de empate e a particularidade do seu campo, que é de herba artificial. “San Lázaro é un campo grande, e o seu é pequeniño e artificial. Aquí estamos máis afeitos nós e temos que sacar as nosas armas para poder facerlles dano. Pero si que é verdade que estas eliminatorias decídense por unha marxe moi estreita e ata Tarazona non se vai a decidir”, concluíu Crespo.