A SD Compostela e a Selección da Costa da Morte solidarízanse coa Asociación Princesas Rett

Xogarán un amigable o próximo xoves e a recaudación será para a entidade

O principal obxectivo e axudar a Daniela, unha rapaza de Ponteceso que padece esta enfermidade

Presentación do partido solidario no Concello de Ponteceso

Presentación do partido solidario no Concello de Ponteceso / SDC

Este mércores 20 de decembro, tivo lugar no Salón de Plenos do Concello de Ponteceso a presentación do Partido Solidario da Selección da Costa - QPC Masculina contra o SD Compostela. Un evento que se celebrará o xoves 28 de decembro a partir das 18:00h no Pinguel, que conta coa colaboración do SD Ponteceso, o Concello de Ponteceso e a RFGF.

No acto, a concelleira de Deportes Raquel Fondo deu a benvida e agradeceu que QPC se achegase ata a vila de Pondal para un acto coma este. “Queremos botarlle un gol ao Rett”, sinalou Fondo invitando a todo o mundo a encher o Pinguel e axudar a esta familia da vila.

Foi Ubaldo Cerqueiro o encargado de debullar a parte técnica e dar agradecementos a todos colaboradores. Falaron tamén o xalleiro Víctor Pazos, como voz da SD Compostela, e Miguel Cousillas, presidente do SD Ponteceso.

Un partido, paralelo á cita solidaria do Combinado Feminino en Muros, que neste caso servirá para recadar fondos para a Asociación Princesas Rett. A vida de Daniela, a pequena pontecesá coa enfermidade de Rett, fixo que QPC decidira dedicar os cartos á investigación desta enfermidade rara, e para axudar a súa familia no día a día.

Noelia Garrido, a nai de Daniela, explicou como lle afecta esta enfermidade rara á súa pequena, a toda a familia, e como a logopedia e a fisioterapia son tan necesarias como o osíxeno para a pequena. En todo caso, amosouse tremendamente agradecida por este evento, e orgullosa de pertencer a Ponteceso e á Costa da Morte.

A idea da Selección da Costa da Morte é darlle continuidade ao 11 ideal escollido por unhas 70 persoas do Fútbol da Costa na Gala do Fútbol da Costa-QPC 22/23. Con todo, o equipo técnico formado por Dani Casal e David Castro, que contarán co apoio de Manolo López (nomeado o Delegado do Ano polos colexiados), querrá ter a meirande representación de equipos.

O trío arbitral estará formado por Roberto Baña (nomeado Árbitro do ano na Gala do ano pasado), Alfonso Caamaño e Álex Tato. Antón Lestón será o speaker dunha xornada que terá sorteos fantásticos para animar á xente a mercar rifas para recadar fondos para a entidade. 

A vinculación da Costa coa SD Compostela é total, como o reflexa a cantidade de xogadores costeiros que pasaron polas filas celestes. Así, o club quere convocar a todos os xogadores que vestiron a camisola santiaguesa para rederlles unha pequena homenaxe, como Anxo Mato (Laxe), Borja Facal (Laxe), Toja (Laxe), Manu Casal (Malpica), Felipe García (Cabana), Mino (Cabana), Juan Cabrejo (Camariñas), Juan Porrúa (Muros), Espasandín (Santa Comba), Pereira (Santa Comba), Llanero (Fisterra), Madriñán (Cee), Bautista (Carnota) ou o xa falecido Suso Insua (Cee).