Entrevista | José Ramón Gómez Besteiro Candidato do PSdeG á Xunta

“O cambio debe representar experiencia de goberno e a esquerda que xestiona é o PSdeG”

Besteiro, onte no xardín dun hotel en Santiago / Xoán Álvarez

Besteiro, onte no xardín dun hotel en Santiago / Xoán Álvarez / DAniel Domínguez

Daniel Domínguez

Case oito anos despois de que as imputacións xudiciais que acabaron arquivadas tombasen a súa carreira política, José Ramón Gómez Besteiro (Lugo, 1967) logra ser o candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta. As enquisas sonlle desfavorables, pero confía na remontada e defende o PSdeG como mellor líder da alternativa que o BNG porque é “a esquerda que xestiona”.

Por que precisa un cambio Galicia este domingo?

Cómpre pasar páxina despois de 15 anos. Perdemos poboación ocupada, temos máis débeda... Mentres España medra, Galicia mingua.

Por que un galego que queira cambio debe votar ao PSdeG e non ao BNG, que lidera as enquisas?

Porque non se trata de simplemente de cambiar ao PP, senón para que. Ten que ser un cambio que represente seguridade, solvencia, experiencia de goberno... E iso que é? A esquerda que xestiona e esa é o PSOE, mal que lle pese a algúns.

Cre que o PSdeG é máis ambicioso en políticas de esquerda que o BNG ou Sumar?

Si, porque apostamos, por exemplo, por unha reindustrialización moi potente. E temos que manexar a conexión co Estado dun xeito moito máis axeitado a como se fixo nos últimos anos, con paus nas rodas constantemente da Xunta. Segundo, porque apostamos polo crecemento intelixente, como Europa.

Pero as enquisas apuntan que se hai cambio, vostede sería vicepresidente de Ana Pontón...

Non se trata dunha cuestión persoal, senón do que elixan os cidadáns. Eu aspiro a que lle dean o protagonismo do cambio ao PSdeG.

É a mellor oportunidade para a esquerda desde 2009, cando o bipartito caeu?

Eu falo moito daquel goberno porque estou moi orgulloso del. Moitas das súas políticas marcaron unha visión de modernidade que logo se perderon durante 15 anos en vivenda pública, ensino, sanidade... Eu recuperarei a gratuidade dos libros de texto, por exemplo. Estamos ante unha oportunidade histórica e a xente debe mobilizarse porque as oportunidades dos próximos catro anos non van voltar a aparecer ante nós.

Que lle une máis co BNG e que o afasta?

Compartimos unha profunda defensa dos dereitos e servizos públicos, como a sanidade, o ensino, a dependencia, os servizos sociais... No modelo territorial temos notables diferenzas. Para nós, o marco constitucional e estatutario é onde nos movemos. Fóra, non albiscamos ningún futuro.

Fala de marco constitucional. O BNG defende o dereito a decidir. Vostede?

Nese camiño non nos imos atopar.

E no do galego na escola? O BNG pula por un ensino completamente en galego. E o PSdeG?

Temos que traballar para que aumente o número de galegofalantes e iso significa unha política transversal da Xunta. Defendendo o galego, non temos por que discutir que hai tamén dereito a empregar o castelán. Vivimos da cooficialidade.

Unha das súas promesas é a gratuidade da AP-9. Iso depende de que o PSdeG estea na Xunta?

É unha promesa que eu fago.

Pero entón o Goberno central non facilitaría esa medida se non gobernan os socialistas? Porque é unha demanda xeralizada.

Non se trata diso. Eu podería dicir que reclamarei esa cuestión, pero a miña oferta é clara. Non me poño na posición do que fará o Goberno do Estado. Eu digo que o conseguirei, se son presidente da Xunta. Por certo, xa iniciamos ese camiño coa rebaixa do 50% das peaxes, que se elevou agora ao 75%.

E que medidas serían prioritarias se é presidente?

Tres. En primeiro lugar, un paquete económico para mobilizar 10.000 millóns de euros para pasar do 16% ao 20% do peso industrial no PIB e poderiamos ter entre 50.000 e 60.000 empregos. Hai que mobilizar investimentos que son fondos do Estado e europeos. En materia de dereitos sociais, un plan de choque en sanidade, que durante 15 anos sufriu os efectos colaterais da privatización. O límite para a atención en Primaria sería de 48 horas. E en terceiro lugar, un paquete de dereitos sociais. Tamén me comprometo a actualizar a partir de abril o paquete de competencias da Xunta.

Aínda non deixou o escano no Congreso, como prometeu. Vai dimitir ou seguirá en Madrid se o seu resultado é malo?

O meu destino xa é o de Galicia.

Perdoe que insista, pero xa escoitamos iso noutros dirixentes e logo se botaron atrás.

Eu só respondo por min. O meu compromiso é con Galicia. Seino eu e sábeo quen o ten que saber.

Asumirá a Secretaría Xeral do PSdeG, relevando a González Formoso e sendo así o líder total do partido?

Queda moito tempo para falar diso.

No partido falouse desa opción.

Que non lle falen tanto. Agora estamos ao que estamos.

Poñámonos a noite do domingo no escenario de que non exista ese cambio que prevén e que o PP manteña o poder. Que sucederá?

Que Galicia seguirá cun goberno do PP.

E no PSdeG?

Que aceptará os resultados, como facemos sempre, non como o PP, que os cuestiona cando non lle benefician.

Nese escenario vese de candidato no 2028?

Largo me lo fiáis, amigo Sancho. Isto é todo especulativo. Pero vai haber cambio e un goberno progresista en Galicia.