Lage destaca “a xestión para a maioría social” do candidato do PSOE de Negreira, Leis Míguez

O alcaldable reivindicou “a solvencia, a seriedade e a garantía de progreso do noso proxecto” // Repartiron propaganda na feira

Lage Tuñas, esquerda, e Manuel Ángel Leis Míguez repartiron propaganda e falaron cos veciños na feira / psoe

Lage Tuñas, esquerda, e Manuel Ángel Leis Míguez repartiron propaganda e falaron cos veciños na feira / psoe / SUSO SOUTO

O secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, destacou este domingo en Negreira “a xestión para a maioría social de Manuel Ángel Leis Míguez, centrado en dar solucións aos problemas dos cidadáns”. Lage Tuñas, en compañía de Leis Míguez e do resto da candidatura socialista de Negreira, percorreu a feira semanal da vila, compartindo un bo rato cos veciños.

Destaco a súa capacidade de xestión. Ángel Leis Míguez é mellor exemplo do que conseguimos os socialistas cando gobernamos”, asegurou o secretario de Organización do PSdeG. “Sempre chamando a todas as portas para mellorar a vida dos seus veciños”, afirmou. “Estou seguro de que vai ter un respaldo masivo polo que leva feito, cunha transformación de Negreira que continuará os próximos 4 anos”, engadiu.

Pola súa parte, Leis Míguez reivindicou “a solvencia, a seriedade e a garantía de progreso para Negreira do noso proxecto”, polo que afronta estas eleccións “con optimismo, convencido de que representamos a máis seria opción de goberno”.

O alcaldable socialista comprométese a “reforzar o paraugas social do concello, como xa fixemos neste mandato coa Axuda no Fogar e as medidas de conciliación” e pretende que a Unidade de Atención Temperá siga sendo “unha prioridade”.

“Potenciaremos tamén as actividades de rexuvenecemento activo para as persoas maiores”, engade Leis Míguez. Os socialistas de Negreira inclúen tamén nos principais obxectivos a desenvolver nos próximos catro anos se acadan o goberno “xestionar a posta en marcha dun espazo coworking no polígono industrial para fomentar o emprego e a creación de novas empresas”.