Traballadores de transporte de viaxeiros volven á rúa ás portas doutra folga: "O sector está patas para arriba"

CIG, Comisións e UGT censuran en Santiago a "inmobilidade" dunha patronal que ofrece melloras salariais "irrisorias"

Imaxe da manifestación de hoxe en Santiago

Imaxe da manifestación de hoxe en Santiago / Jesús Prieto

E.P.

Traballadores do transporte de viaxeiros volveron saír ás rúas este martes para reclamarlle á patronal que sente a negociar subidas salariais e melloras no servizo, reivindicacións que os levarán a dúas novas xornadas de folga --convocadas para este xoves e venres-- que ameazan con converter en indefinida a partir do 8 de maio se non se producen avances.

"O sector está patas para arriba", denunciaron os portavoces de CIG, Xosé Pastoriza; UGT, Miguel Campos; e Comisións Obreiras (CC.OO.), Raúl Rodríguez, ao comezo da manifestación celebrada na mañá deste martes en Santiago de Compostela, que serviu de antesala para a dobre xornada de paros no sector coas que as tres principais organizacións sindicais pretenden paralizar o transporte de viaxeiros por estrada ás portas da ponte do 1 de maio.

Antes, os representantes dos traballadores e a patronal están chamados a participar nun encontro organizado no Consello Galego de Relacións Laborais este mércores que pretende achegar posturas para desencallar un conflito que xa levou a un día de folga o pasado 31 de marzo e que contou cun seguimento "masivo" de entre o 90 e o 100%, segundo os convocantes.

Desde entón, os sindicatos censuran a falta de movementos por parte da patronal e a ausencia dun papel activo por parte do Goberno galego, do que dependen "o 90%" das liñas englobadas baixo os convenios provinciais que CIG, UGT e CC.OO. piden revisar para compasar os salarios ao incremento do IPC.

"As cousas non cambiaron. Hai unha proposta irrisoria da patronal e ningún movemento desde a última folga", aseverou o responsable de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, que espera que o encontro deste mércores sirva para avanzar no desbloqueo da situación pero non para paralizar a folga desta semana. "Ten que ser unha oferta moi grande para poder ir a unha suspensión", apostilou antes de situar no "99%" a continuidade dos paros.

Pola súa banda, o responsable de estradas de UGT-Galicia, Miguel Campos, incidiu en que os traballadores levan "dous anos esperando que se negocie" un novo convenio no que "se teña en conta" a situación dun sector "precarizado". "A falta de condutores vén diso, da precarización absoluta", remarcou o responsable de UGT, que advertiu que a situación "cada ano é peor" pola evolución alcista dos prezos.

Tamén pon o foco na situación dunha frota de autobuses "envellecida" e "desfasada", o que repercute na seguridade de choferes e usuarios. "Botamos en falta a implicación nese sentido, que se cumpran os pregos e que os coches cos que se traballa estean en condicións, para traballadores e para usuarios", apuntou o coordinador de estradas e transporte de CCOO en Galicia, Raúl Rodríguez, ao comezo dunha marcha que partiu da estación de autobuses para culminar ás portas do Parlamento de Galicia.

Os sindicatos apuntan ás condicións dos contratos de prestación das liñas como motivo que está detrás do empeoramento das condicións salariais de condutores e traballadores, posto que, segundo sosteñen, as empresas de transporte presentan ofertas "deficitarias, mesmo por baixo do prezo de saída".

"Dalgún lado teñen que sacar o beneficio empresarial. E o que fan é devaluar as condicións salariais", explicou Pastoriza, que cualificou de "desculpas de mal pagador" as xustificacións da patronal de que é "imposible" ligar os contratos ao IPC "porque o prohibe a normativa".

Así, aseverou que o sector "pasou un mal momento" no ano 2020 polos efectos da pandemia que xa está superado. "Agora está a traballar a tope, os discrecionales saen acotío", engadiu o responsable da CIG, que censurou que, mentres todo isto ocorre, a Xunta mantense "de perfil" ante o conflito dunhas liñas que "na súa maioría" dependen da Administración autonómica.

Responsabilidades da Xunta

Os sindicatos inciden en que a Xunta é "unha pata moi importante desta problemática" pois dela dependen licitacións públicas de mobilidade e educación.

"As nosas reivindicacións son cara ás empresas, pero a Xunta é parte disto", aseverou Pastoriza antes de aseverar que o sector está "patas para arriba".

Nesta liña, apuntou á existencia de plataformas cidadás que reclaman os seus dereitos á mobilidade, algo que tamén espertou accións de unidade entre alcaldes --"mesmo algún do PP"-- e de anpas ou traballadores. "Estamos no peor momento que viviu nunca este sector. A Xunta non pode mirar a outro lado", concluíu.