Ana Pontón: “A xente do país deunos a responsabilidade de ser a alternativa real ao PP”

A líder nacionalista dixo que é “un orgullo” que a primeira alcaldesa da capital galega sexa do BNG

A nacionalista Ana Pontón en declaracións ante os medios / j.prieto

A nacionalista Ana Pontón en declaracións ante os medios / j.prieto / l.rey

Felicidade para Ana Pontón tras coñecer os resultados das eleccións do 28 de maio, e máis en concreto tras descubrir o sucedido en Compostela onde os veciños e veciñas apostaron por ter á primeira alcaldesa da capital de Galicia do BNG, Goretti Sanmartín.

“Somos a forza política que máis concelleiros suma, concretamente 135, un incremento do 30 %. Isto sitúanos como unha forza política que está en ascenso, que vai sumar máis gobernos municipais e se afianzou dunha maneira moi clara nas cidades”, manifestou Pontón. Centrándose nos resultados detallou que conseguiron triplicar representación en Vigo, duplicalo en A Coruña e Ourense e manter a alcaldía de Pontevedra, sumando a Sanmartín como alcaldesa compostelana.

Pontón mencionou que o alcanzado consolida un cambio de ciclo iniciado xa nas pasadas eleccións galegas, “unhas eleccións onde a xente do país nos deu a responsabilidade de ser a alternativa real frente ao Partido Popular e agora vense a reforzar a nosa posición”. Ao respecto, a nacionalista dirixiuse aos galegos e galegas para comunicarlles que acollen a responsabilidade “con toda humildade e ambición de país porque cremos que Galiza precisa abrir un tempo novo e temos a responsabilidade de xerar esa ilusión e esperanza no noso país”.

Reiterou ese traballo dende a humildade, “pero sen descanso” e “para que en Galiza en 2024 se abra un novo ciclo, facendo historia coa primeira presidenta do BNG e dándolle futuro a este país”.