Sumar Galicia reta a PP, PSOE e BNG a debater sobre economía e emprego

“O PP ten que atreverse a discutir sobre os bos datos económicos e de emprego, e o BNG explicar que fixo os últimos catro anos para mellorar a vida dos galegos”, di Marta Lois

Presentación de candidaturas al Congreso y al Senado por Sumar Galicia

Presentación de candidaturas al Congreso y al Senado por Sumar Galicia / XOÁN REY

ECG

Sumar Galicia propón que as forzas políticas que se presentan en Galicia participen nun debate electoral de temas de interese para a cidadanía galega e outros dous enfocados en dúas cuestións de relevancia para a cidadanía: un centrado na economía e o emprego e outro en igualdade. A proposta de Sumar Galicia é que estes debates se realicen en horario de máxima audiencia na TVG, por ser a televisión de todas as galegas, e cos candidatos que concorren a estas eleccións, das que sairán os representantes no Congreso e no Senado.

“Sumar é a única forza que está a facer unha campaña con propostas, todas elas cun propósito: mellorar a vida das persoas. As galegas e os galegos teñen dereito a coñecer cales son as alternativas que propoñen os demais partidos que aspiran a representar a Galicia no Congreso”, di Marta Lois, candidata pola provincia de A Coruña.

“Galicia ten hoxe cifras récord de emprego, de emprego de calidade, grazas á reforma laboral de Yolanda Díaz, unha reforma á que se opuxeron tanto o PP como o BNG. En lugar de difundir bulos, o PP tense que atrever a discutir sobre os bos datos económicos e de emprego, e o BNG ten que explicar que fixo durante os últimos catro anos para mellorar as condicións materiais da cidadanía galega”.

“Os ‘partidos do non’ deben ofrecer algo máis que a mera oposición a medidas que serviron para mellorar a vida da xente”, recalca Lois.

"Pola súa banda, sería bo saber se o PSdeG ten algunha proposta concreta para Galicia ou están máis centrados nos seus problemas internos e de liderado", engade.

A maiores do debate sobre economía e emprego, Sumar Galicia propón tamén que as distintas forzas debatan sobre políticas de igualdade. 

"Ante os numerosos pactos con Vox tras as eleccións do 28 de maio, coidamos que o PP galego debe aclarar se comparte a posición de Alberto Núñez Feijóo de negar a violencia de xénero e os dereitos LGTBI+", engade a candidata ao Congreso.

“As galegas merecen saber se quen as represente no Congreso e no Senado van traballar para garantir e ampliar os seus dereitos ou se só responden a intereses partidarios para acadar o poder”.