Entrevista | MARÍA DOLORES FERNÁNDEZ GALIÑO Valedora do Pobo

“O confinamento foi un factor de risco que incrementou os problemas de saúde mental”

Maria Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo / xoán álvarez

Maria Dolores Fernández Galiño, Valedora do Pobo / xoán álvarez / xosé ramón r. iglesias

Nada no Carballiño en 1963, é licenciada en Dereito pola USC e diplomada en Práctica Xurídica. Especializada en Dereito Civil de Galicia, en 1989 ingresou por oposición na carreira xudicial, aprobando tamén as da carreira fiscal. Desde 2019 exerce como Valedora do Pobo, institución que resolve máis de catro mil queixas ao ano de media.

En agosto cumpre catro anos ao fronte desta institución, nos que lle tocou pasar a pandemia. Tamén aquí se pode dicir que hai un antes e un despois da COVID?

Si. Ano a ano foise incrementando a actividade da institución a todos os niveis, tanto nos casos como na atención directa á cidadanía. Pero a pandemia, co confinamento, as limitacións de mobilidade, as máscaras, as vacinas, as medidas para evitar contaxios…, deu lugar a queixas moi específicas, descoñecidas ata ese momento.

A priori, o seu é un traballo moi de despacho pero que require estar moi atenta ao que ocorre na rúa. Séntese preto da xente?

O que queremos é que esta institución non teña limitacións de acceso. Aquí se dá unha atención sen filtros. Neste sentido, somos unha institución apegada á rúa. E comprobamos que hai unha simultaneidade entre os feitos relevantes que poden estar ocorrendo nun determinado momento e a entrada de queixas relacionadas con eses casos.

Que porcentaxe de queixas se resolven favorablemente?

Cando falabamos de que a institución non tiña filtro, quero destacar que a taxa de inadmisión é moi baixa, podemos dicir que é casi irrelevante. Por unha parte, a actividade da institución pode culminar facéndolle á administración unha recomendación, unha suxestión, un recordatorio de deberes legais. Neste caso, este tipo de resolucións multiplicouse por cinco, podemos falar dunha cifra dun 80% incluso en ocasións superior. Pero tamén quero recalcar que a actividade da institución na tramitación das queixas non se limita a iso. Ás veces, tamén nos diriximos ao cidadán explicándolle que a actuación da administración non foi incorrecta. E, por outra banda, dentro do que é a actividade de promoción de dereitos humanos, facemos tamén reunións con entidades, con asociacións, organizamos xornadas e encontros...Agora vimos de celebrar o noso primeiro encontro interxeracional e tamén outro de enfermidades feminizadas.

Como encaixan as administracións as súas resolucións?

Desde 2019 hai un incremento ano a ano de casos e do nivel de resolucións que se están producindo. Isto é posible polo noso esforzo, pero tamén pola colaboración das administracións. Cando falamos de dereitos humanos, este enfoque compromete os poderes públicos e eu penso que si, que temos esa colaboración por parte das administracións. Á hora de emitir os informes, á hora de responder as resolucións que nós estamos trasladando, si hai boa colaboración.

Pensa que os seus informes poden ser unha boa radiografía da sociedade galega?

Podería ser. Non no público, iso sería pretencioso pola miña parte. Os informes protagonízanos os cidadáns, que son os que veñen á institución non a formular unha sucesión de feitos ou avatares, senón inquedanzas que entenden que poden afectar os seus dereitos constitucionais na súa relación coa administración. Neste sentido determinado, si se pode considerar unha radiografía da nosa sociedade.

A saúde mental adquire cada vez unha maior relevancia, nótao no seu día a día?

Empézanse a ver estudos de que a saúde mental viuse moi impactada coa pandemia. Estamos falando tamén dun feito catastrófico, por así dicilo, porque o confinamento, a situación económica que produciu a pandemia, o impacto sobre a vida, a economía e o traballo deixouse notar. O confinamento foi un factor de risco que incrementou os problemas de saúde mental, tanto para as personas novas como para os maiores. Penso que en todas as franxas de idade. E, por outra banda, está a asistencia sanitaria da saúde mental. Durante a pandemia, a saúde mental viuse moi comprometida na atención presencial, atención que se podía facer telefónica, porque a crise, en primeiro lugar, foi unha crise sanitaria. A atención da saúde de mental si que se viu moi afectada.

Ten a impresión de que a situación do acoso escolar agrávase ou mellora?

No acoso escolar tómanse medidas, pero hai que seguir afondando na prevención, na capacitación do profesorado e das persoas que estean en contacto cos alumnos. Hai que avanzar tamén na aplicación dos protocolos, cómpre traballar nas aulas para que o acoso non sexa percibido como algo tolerable. Ao contrario, tolerancia cero, hai que traballar tamén cosas familias. Hai que abrir tamén unha colaboración cos pediatras ou cos profesionais de saúde mental dun xeito máis directo para detectar as causas do problema. E, dende logo, non hai que minimizar condutas de acoso, é necesario loitar contra a invisibilidade, o illamento dos acosados. Os protocolos teñen que conseguir solucionar o problema e tamén reparar ou facer un pouco de xustiza reparativa. Non hai que minimizar este problema, que é moi grave.

Tradicionalmente, os casos de discriminación polo uso da lingua galega sempre abondan nas apelacións ao Valedor. Segue sendo así?

O galego é a lingua propia de Galicia, está no Estatuto, somos unha institución estatutaria. Eu presentei un decálogo ao principio do mandato, xa cando me presentei ao Parlamento, que recollía a importancia que ten a defensa da lingua galega. Nesta actividade, a colaboración das entidades é moi relevante, concretamente coa Mesa pola Normalización Lingüística e co Observatorio. O ano antes da pandemia, 24 casos presentou a Mesa. O ano pasado, 54. O dobre. Creo que iso explica a colaboración que hai. Despois tramitamos tamén queixas de amplo alcance, por exemplo, no acceso por parte das persoas que acuden á notaría e non atopan modelos en galego. Parece mentira neste tempo, pero aínda hai problemas.

En relación ao tema da igualdade, como percibe o respecto aos dereitos da muller na nosa comunidade?

Tamén está no meu decálogo inicial, que no punto un levaba o feminismo entendido como igualdade entre as mulleres e os homes. Dicía que ía ser un sinal de identidade da institución, e o segundo punto do decálogo era a loita contra a violencia de xénero. Estamos ante unha discriminación histórica e mundial, está en todas partes. Isto que significa? Pois que a estrutura de poder está deseñada esencialmente por homes e para os homes. E as mulleres tiveron que loitar para ir acadando a igualdade, polo dereito ao voto, por ir ás universidades, para opositar a unha praza pública, por poder ter unha conta bancaria sen autorización do pai ou do marido, polo dereito a decidir sobre o seu propio corpo, no aborto… A loita pola igualdade sempre se deixa sentir. Na pandemia, sobre todo, aflorou toda a vulnerabilidade que padecen as mulleres, a súa precarización laboral, a violencia sobre elas… Sempre hai un apartado especial sobre este tema nos nosos informes.

Que nivel de concienciación hai en Galicia coa violencia machista? Responden como deberan as administracións galegas ante este problema?  

Teño que dicir que Galicia ten músculo en igualdade e en loita contra a violencia de xénero. No ano 2015, nesta comunidade introduciuse a trata como violencia de xénero. E no ano 2021, antes da normativa estatal, introdúcese tamén por lei a violencia contra a muller a través de internet, que está desvinculada de que sexa exercitada pola parella ou non. O importante é o concepto de violencia de xénero non limitado a que sexa exercida pola parella, senón que se ten en conta o marco xeral de dominación do home respecto á muller. Pero isto non é unha situación estática, non é dicir “xa fixemos e xa está”. Hai que seguir traballando en todos os ámbitos. Non nos podemos conformar. Todos os días traballamos neste grave asunto.

Para rematar, que percepción lle gustaría que tiveran os galegos do seu labor?

Pois que somos un equipo moi comprometido, que estamos traballando con compromiso, con responsabilidade para atender as súas queixas e demandas. Que traballamos con profesionalidade. Gustaríame que o percibiran así.