O cinema de terror protagoniza a xornada en Numax

PRESENTACIÓN. A Libraría Numax acolle ás 20.00 horas a presentación de Un viaje por el cine fantástico y de terror vol.1 (Applehead), un evento no que se contará coa presenza de Javier Trigales e David Salgado, dous dos autores deste libro de creación colectiva que se adentra na historia do cinema de terror. Trigales e Salgado tamén presentarán na mesma sala o pase especial do filme O gabinete do Doutor Caligari, que se proxecta ás 18.10 h.

‘Memorias dun neno labrego’ xa é novela gráfica

‘Memorias...’ en banda deseñada Cedida

BANDA DESEÑADA. Xosé Neira Vilas escribiu a principios dos anos 60 Memorias dun neno labrego, unha obra que remataría por converterse nun dos clásicos da nosa literatura. A artista Iria Aldegunde revive esta historia social galega a través dunha nova adaptación gráfica da novela orixinal e preséntaa esta tarde na sede de Afundación (rúa do Vilar, 19) ás 19.30 horas. Sendo unha das obras da literatura galega máis traducidas, Memorias dun neno labrego narra a vida de Balbino, un rapaz de aldea pertencente a unha familia moi pobre, e plasma as súas aventuras e desventuras a través dun caderno. A través deste libro, Neira Vilas leva a cabo unha crítica social ao que viviron os labregos da época na que se ambienta a novela, nunha Galicia marcada polas migracións, o atraso e o rexeitamento por parte dos casteláns e dos castelán-falantes. Agora, a artista Iria Aldegunde pon en imaxes o mundo que Balbino contempla ao seu redor cos ollos moi abertos e que tenta entender, pois, como el afirma, “vimos ao mundo cunha alforxa de preguntas”. Esta adaptación gráfica, editada por Galaxia, xorde a raíz da colaboración entre o Ateneo de Santiago e a Fundación Xosé Neira Vilas. A autora, Iria Aldegunde -Compostela, 2000- é graduada en Filoloxía inglesa pola Universidade de Santiago, uns estudos que foron complementados con formación en banda deseñada na escola profesional O Garaxe Hermético -fundada polo ilustrador Kiko da Silva-. Aldegunde tamén participou coas súas creacións na elaboración dos libros colectivos Florencio (2022) e Gasparin o XXI (2023).

Últimos días para descubrir a arquitectura que nunca se construíu en Santiago

A mostra foi inaugurada no pasado mes de novembro Jesús Prieto

SANTIAGO PROYECTADO A mostra Santiago proxectado, arquitecturas non construidas encara a súa recta final. Ata o domingo aínda pode visitarse no número 2 da Praza de Praterías. Comisariada polo xornalista Fernando Franjo e pola historiadora da arte Ana Paula Castro, recolle unha serie de proxectos urbanísticos e arquitectónicos xestados ao longo da historia da cidade e que por diversas circunstancias non chegaron a materializarse.

A mina de Corcoesto na ficción de Lola Rontano

Imaxe de portada de ‘Esperta do teu sono’ Cedida

LIBROS. Lola Rontano, autora murciana e activista ambiental, presenta na Libraría Couceiro, ás 19 h., Esperta do teu sono, unha obra editada por Xerais que toma como motivo central o conflito da mina de Corcoesto, en Cabana de Bergantiños, para presentar unha intrigante ficción que mestura ecoloxía, desobediencia civil e solidariedade entre comunidades rurais e urbanas. No evento, a autora estará acompañada polo acordeonista Manuel Maseda e polo director de Xerais, Fran Alonso.