María Mera e César Romero conducirán un sábado máis Noite Xigante (TVG, 22.40 horas) cunha novidade moi especial: terán un número no que cantan e bailan, arroupados pola Orquestra Cinema, na que César é o cantante. Como convidado especial estará Xosé Ramón Gayoso, ao que tamén lle espera unha sorpresa.

Noite xigante anúnciase como un concurshow. Camiñamos cara este tipo de programas que mesturan o concurso e o show?

María Mera: Si. Efectivamente quixemos mesturar un concurso ao uso co espectáculo. A verdade é que un concurso destas características non temos agora mesmo na televisión. Por iso saímos un pouco do que estamos afeitos a ver, é dicir, os presentadores non só presentamos, senón que cantamos, bailamos, xogamos e metémonos en todas as probas.

Tamén fan o mesmo cos convidados…

M.M. Tamén queremos sacalos da súa zona de confort. Non facemos a típica entrevista, senón que é o público quen fai as preguntas que queiran, diferentes, ás veces comprometidas, que dean para xogar. E aínda que veña, por exemplo Carlos Baute, a cantar e bailar as súas cancións tamén o poñemos a facer algún xogo. Son eles os que ás veces tiran do caldeirón.

O programa desta noite será especial para César Romero porque estará coa Orquestra Cinema...

César Romero: É moi especial, porque é a primeira vez que María e mais eu facemos un show deste tipo no programa. A Orquestra Cinema é a formación que lidero desde hai 12 anos. Ao final non hai mellor pistoletazo de saída para os shows que imos ir facendo María e eu que estar arroupados pola Cinema, estaremos como en familia. Ademais, é un show bastante completo, con baile, coreografía, atrezzo e vestiario. Viñémonos bastante arriba. Para min, emocionalmente, este programa é xigante.

A quen vai dirixido?

M.M. É un programa para toda a familia porque o que buscamos é que a xente se divirta moito e que marche con agasallos para a súa casa porque temos tamén premios para o público, ademais de para os cinco concursantes.

E completiño, non lle falta de nada…

M.M. Si. En cada programa hai cinco concursantes que van pasando as diferentes probas. Para o que queda de último sempre hai un gran escaparate valorado en miles de euros. No primeiro por exemplo, levou unha viaxe ao Caribe, unha televisión, un ordenador, xoias… A xente vén moi motivada porque o premio é moi grande. E para cada concursante que se vai eliminando temos un elemento do que xa está falando todo o mundo, o caldeirón, que é unha especie de ducha dun pringue pegañento.

E o artista convidado, entra ao trapo?

M.M. Facemos xogos específicos para o convidado especial que vén ao programa. Ademais César e mais eu tamén lle imos dando un toque de show, non só como presentadores.

Durante o programa, o público tamén participa. Como é esa interacción?

C.R. É unha chispa diferente á que estiven experimentando ata o de agora. Porque eu levo conectando co público directamente 12 anos. Estar entre o público é outra cousa. O certo é que nunca lle regalei a ninguén unha bicicleta ou unha viaxe. O que noto é que o público é moi atento, pero tamén están todos moi nerviosos. Claro, ao final, todos levan un agasallo, porque facemos preguntas que non son difíciles. Agora mesmo ir de público a un programa de televisión e que che dean agasallos non é moi cotián.

"Non facemos a típica entrevista, senón que é o público quen fai as preguntas que queiran"

María Mera - Copresentadora de 'Noite Xigante'

Como é a química entre María Mera e César Romero? Xa traballaran xuntos?

M.M. Traballar con César para min é un regalo enorme porque eu traballei con él no verán, na Liga dos Cantantes Extraordinarios, que eu presentaba e el estaba ao cargo da dirección musical. Facíamos xuntos unha pequena colaboración. Cando xurdiu a oportunidade de presentar este programa e me falaron da posibilidade de que César me acompañase en certa sección, pareceume xenial porque conxeniamos. Ás veces hai persoas que coñeces, que aínda que non fales moito con elas ves que están na mesma liña de pensamento, de actuar, de traballar. Temos moita ilusión, gústanos moito o que facemos e temos a misma maneira de traballar.

C.R. Estivemos xuntos na Liga dos Cantantes Extraordinarios e non interactuábamos tanto, pero aínda así había como un bo feeling, como con estas persoas coas que conectas á primeira pola maneira de traballar ou o xeito de formular as cousas. Tamén temos personalidades parecidas, gústanos traballar nun ambiente divertido. Agora levamos 3 ou 4 programas e parece como se leváramos mil.

E o agasallo final é sempre así de rumboso ou ás veces pode resultar un chasco?

M.M. A proba final consiste en que hai tres caixas. Nunha está o escaparate, moi emocionante, porque sempre hai un viaxe e moitas outras cousas. Noutra caixa está o caldeirón. E a última ten unha sorpresa, que pode ser un agasallo máis cativo, como un sacho para ir á leira, un CD da Orquestra Cinema asinado por César Romero… A verdade é que a partir do programa do sábado que vén vai haber novidades porque imos negociar con cartos. Eu ofreceirelle comprar unha chave e haberá xente que cambie os cartos pola chave e en vez de marchar co escaparate, marcha con 2.000 euros, por exemplo. Depende do que se negocie. É moi emocionante.

"A proba final consiste en que hai tres caixas. Nunha está o escaparate, moi emocionante, porque sempre hai un viaxe e moitas outras cousas. Noutra caixa está o caldeirón"

César Romero - Copresentador de 'Noite Xigante'

Onde se sente mellor María Mera, na presentación ou na actuación?

M.M. Esta pregunta é moi difícil porque nunca sei responder. A verdade é que a mín gústanme moitas cousas. Eu estudei Xornalismo porque cando empecei no mundo da interpretación pensei que tiña que facer outra cousa porque é complicado manterse sendo actriz. Por iso estudei Xornalismo. De feito, antes de interpretar, xa era reporteira con Piñeiro. A verdade é que me sinto cómoda nas dúas cousas. Son moi diferentes, pero ao mesmo tempo son complementarias porque ás veces para presentar tamén é necesario adoptar certos papeis, certas maneiras. Non é o mesmo presentar un concurso que un programa de entrevistas, como o que fixen o ano pasado. O ideal para min é ir compaxinando as dúas cousas, como teño a sorte de facer.

É César Romero? Que prefire, ser presentador ou cantante?

C.R. Eu creo que en calquera posto onde a xente conecte comigo. Eu quero que a xente disfrute dunha maneira ou doutra, así que me dá un pouco o mesmo. Son como sensacións diferentes, transmitidas de dous xeitos diferentes. A sorte que teño é poder facer as dúas e que sexan complementarias.

Pasarán algún día por debaixo do caldeirón María Mera ou César Romero?

C.R. Eu espero que si e a poder ser que sexa xuntos. Sería o mellor, máis divertido. Pero ten que haber unha aposta polo medio, algunha proba moi difícil.