{ opinión }

Abaixo as armas!

BERTHA VON SUTTNER, a primeira muller Premio Nobel da Paz, vivíu en carne propia a caída dos imperios centrais en Europa, a finais do século XIX, e tamén a IGM, a coñecida como Grande Guerra, antes de que tiveramos que numeralas con I e II GM. Imos camiño da III? A baronesa austríaca publicou daquela o libro Abaixo as armas, amosando a súa coraxe pacifista en medio do ardor guerreiro. Foi un éxito mundial, unha chamada de atención ó diálogo como mellor método para afrontar os conflictos e unha descripción ben detallada dos horrores da guerra.

Europa parece estar condenada a vivir nas súas propias carnes, no seu propio territorio, periódicamente, atrozes guerras fratricidas. Históricamente é, sen dúbida, o espazo rexional máis destrozado por guerras sucesivas aínda que presumamos de paz e de Dereitos Humanos a cada instante.

O ardor guerreiro, o armamentismo máis desaforado, a militarización das mentes, como afirman diversos autores, xunguido a unha impotencia asumida interiormente pola cidadanía, fan que a resposta social contra da guerra de Ucraína, sexa minoritaria.

De pouco vale que intelectuais de renome, moi recoñecidos internacionalmente, como Jurgen Habermas, Adolfo Pérez Esquivel, Federico Mayor Zaragoza, Antonio Guterres, e tantos outros, escriban, proclamen, fagan chamamentos a un alto o fogo e a unha saída negociada. Non interesa. O “gran dominio” que chaman algúns, os poderosos entre os poderosos, están a outra cousa, a forrarse. Os mortos, por centos de miles, os poñen Ucrania e Rusia. As armas, os cartos, os chamamentos a continuar batallando, custe o que nos custe, está nos discursos duns líderes mundiais cada día máis fascinados coa Apocalipse.

Hai 20 anos, a cidadanía global, mobilizouse como nunca contra da guerra de Irak, tan ilegal e inxusta como a actual invasión rusa. A declaración das Azores, onde Aznar estaba como pez na auga, mentindo a sabendas, foi contestada nas rúas das principais cidades do mundo.

E hoxe, onde está o pacifismo, e as pacifistas, qué foi deles?

Quizáis algúns asumiron esa impotencia adquirida de que todo é inútil, que non hai nada que facer.

Outros teñen o punto de mira, por usar termos bélicos, errado. Non consiguen, ou o fan sabendo, que Ucraína foi invadida e non precisamente pola OTAN.

Tamén os hai que comparten o ardor guerreiro e as teses belicistas, “armas para a paz”, “orzamentos militares para acadar a pacificación”, esas reviravoltas da linguaxe e das conciencias agora tan de moda e replicadas até o aburrimento.

Quizáis teriamos que reler a Bertha Von Suttner e berrar dunha vez por todas: “Abaixo as armas” e reclamar un alto no camiño da morte, nos “sendeiros da gloria” e falar, falar, falar, entre distintos, mesmo entre inimigos, como reclama Jurgen Habermas. Porque Rusia, ó espertar, seguirá ahí.

O veremos?