Salvagardas da democracia e da convivencia

Miguel Ángel Santalices, Presidente do Parlamento de Galicia

Miguel Ángel Santalices, Presidente do Parlamento de Galicia / ECG

Miguel Ángel Santalices

Miguel Ángel Santalices

Desde sempre, un dos sinais de identidade das democracias modernas vén marcado pola existencia de medios de comunicación independentes que exerzan de contrapeso fronte ao poder establecido e garantan o exercicio dun dos dereitos esenciais das persoas, a liberdade de expresión. 

Proba diso son as dificultades a que deben enfrontarse xornalistas e medios independentes nos países non democráticos, ou con democracias fráxiles, que desgraciadamente continúan a ser moitos nos nosos días.

Pero, a maiores, a aparición de Internet, primeiro, e das redes sociais, despois, propiciou fenómenos novos que ameazan seriamente as democracias.

Realidades como os bots, a posverdade, os bulos, ou as fake news ―que, como acertadamente apunta Darío Villanueva, fariamos ben en chamar patrañas― irromperon nas nosas vidas e nunca con bos propósitos.

Cando xorde este asunto nunha conversa informal non resulta infrecuente que algún interlocutor confese abertamente a dificultade que supón diferenciar os contidos verídicos dos falsos. 

Para os profanos na materia, a resposta resulta obvia: informarse a través de medios contrastados, de acreditada traxectoria, como EL CORREO GALLEGO, agora con renovado impulso logo de se integrar no grupo Prensa Ibérica.

Ao longo da historia, os medios de comunicación teñen prestado grandes servizos á sociedade na que se asentan. Os exemplos son innumerables. 

Sen irmos máis lonxe, a transición española desde a ditatura á democracia constitucional dos nosos días non tería sido posible ou tería sido moito máis dificultosa, seguramente― sen o papel desempeñado polos medios de comunicación.

No caso galego, a autonomía política que botou a andar hai algo máis de catro décadas está, igualmente, en débeda cos xornalistas e cos medios de comunicación. 

Recordamos con frecuencia os políticos de diferentes siglas que fixeron posible esta historia de éxito, mais cómpre recoñecer tamén o labor dos xornalistas que desde un inequívoco compromiso democrático e autonomista xogaron un rol determinante, contribuíndo a superar a indiferenza social que caracterizou o nacemento e posta en marcha das institucións autonómicas nos primeiros anos da década dos 80 do século pasado.

Hoxe, a autonomía galega é unha feliz realidade, amplamente referendada polo conxunto da cidadanía unha vez acreditado, pola vía dos feitos, o acerto da descentralización propiciada pola Constitución e o Estatuto.

Así pois, do mesmo xeito que no pasado os medios de comunicación foron quen de contribuír a afianzar a democracia e a autonomía, estou certo de que, nos nosos días, medios e xornalistas volverán emerxer, ―xa o están a facer,―como salvagardas fronte ás patrañas ―máis ou menos veladas―que xorden para erosionar a democracia e a convivencia que entre todos, e con tanto esforzo, conseguimos edificar.