{ tribuna }

O desafío fiscal en tempos de cambio

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

O FONDO MONETARIO INTERNACIONAL prevé que a economía española supere o nivel prepandemia no 2023, aínda que sen chegar ao crecemento do 2,1% que espera o Goberno. Unha previsión á que si se achega a OCDE. Alén de estimacións de uns ou outros organismos o que se lle pide á análise económica é que sexa rigorosa, en vez de perderse entre a controversia da arena política, porque nin a situación é de desastre, nin tampouco “vai coma unha moto”. Hai cousas que foron recuperando ben, como é o emprego ou a contención da inflación, mais o talón de Aquiles sigue estando no déficit e na débeda pública.

A recente advertencia da Comisión Europea sobre as contas públicas dos países membros apela directamente aos responsables políticos. Son tempos de cambio e de virar o rumbo fiscal. Se a situación prepandemia non era boa, agora é peor, o que vai dar como resultado unhas regras fiscais diferentes, pero unhas regras a cumprir á fin e ao cabo.

Será condición necesaria manter o equilibrio entre os ingresos e os gastos públicos ao longo do ciclo económico –non de xeito anual como se facía até o de agora–, se ben con iso non será suficiente. España é un dos países da UE que non conseguiu eliminar o déficit primario en ningún exercicio dende a crise financeira de 2008, o que vai precisar de axustes estruturais. Neste senso, e grazas en boa parte a que Francia está nunha situación de déficit e débeda semellante a España, as novas regras parece que van flexibilizar os obxectivos fiscais para que cada quen adapte a senda de axuste ás súas necesidades.

Cóntase, claro, co impulso económico dos Fondos Next Generation, que xa teñen menos percorrido do que tiveron e unha data de caducidade próxima, o ano 2026. O momento é agora e o lugar é aquí. A equipa que forme o novo Goberno de España debe emprender o camiño da corrección dos desaxustes orzamentarios de xeito ordenado e calmado, sen necesidade de introducir medidas de austeridade que corten polo pé a senda de crecemento económico. A redución do déficit primario, segundo apuntou a Comisión, facilitaría de xeito importante este labor.

Porén, non será doado. A política monetaria restritiva provocou un incremento dos tipos de xuro que afectan sobremaneira o sector público. O capítulo tres de gasto –gastos financeiros– vai aumentar de xeito significativo o vindeiro exercicio, polo que haberá que decidir de que outras partidas se detraen os recursos para facerlles fronte. Só co crecemento económico non vai chegar. Así, pois, a cuestión non é meramente contable, senón que se trata de facer reformas de calado que permitan endereitar o rumbo das contas públicas.