{ tribuna }

Que letra para que recuperación?

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

MOITO SE FALOU ao inicio da pandemia sobre se a economía sairía desta crise en forma de U, de V ou mesmo de W. Kristalina Georgieva, directora xerente do Fondo Monetario Internacional, advertira aos países do G-20 que, en todo caso, deberan evitar unha recuperación en forma de K, isto é, que mentres unha parte da poboación se beneficie das novas oportunidades de renda, emprego, etcétera, a outra metade languidece.

Historicamente as pandemias na economía provocaron estancamento, inestabilidade e desigualdade o que, en última instancia, levaba á axitación social. Desta volta non foi así, de momento, as políticas públicas actuaron coma un torniquete social a curto prazo, se ben quedan ameazas latentes a medio e longo prazo en forma de inclusión, débeda, inflación e sustentabilidade, todas elas condicionantes do éxito real que revele a recuperación social do país.

Segundo os datos que ven de publicar o INE, a actividade económica en España volveu a niveis prepandemia, o que permite a afirmar que a recuperación tivo forma de √, cunha K latente no fondo. A economía española conseguiu superar os desafíos máis urxentes e acadar o nivel de PIB previo, tras una abrupta caída derivada, en boa parte, das ríxidas restricións dos sucesivos confinamentos, o impacto sobre o turismo e a ruptura das cadeas globais de subministro. Despois sería a guerra e a inflación. Agora son as exportacións –que representan máis dun 40% do PIB, do que o 9% son servizos avanzados– as que conseguiron compensar a caída da demanda interna, o menor investimento e o arrefriamento do gasto público. Déixase ver un cambio estrutural na economía –de momento cativo–, así coma tamén unha mudanza nas cadeas de subministro, que se fixeron mais curtas. Esta crise foi mais profunda pero menos duradeira que a anterior, aínda que deixa tras de si sinais inequívocas de que queda moito camiño por percorrer.

Os desequilibrios entre a oferta e a demanda de traballo, por exemplo, vacantes sen cubrir por falta de formación axeitada ou mesmo polas condicións laborais ofrecidas, son síntomas dun tecido produtivo e empresarial feble. Si a educación é chave na preparación das persoas para o mercado laboral, non é menos importante unha estrutura empresarial forte, con empresas grandes e competitivas, capaces de innovar e internacionalizarse.

Paul Krugman, premio Nobel de Economía, que esta semana está en Galicia, defende que as economías capaces de empurrar as raíces do crecemento e do benestar son aquelas que combinan alta produtividade, boa redistribución da renda e da riqueza e estándares de emprego de calidade. Este trinomio é o que debe sustentar o crecemento do futuro inmediato, onde é necesario que actúen –e atinen– os plans de recuperación en marcha.