{ tribuna }

A reforma tributaria de Sánchez non se pode derrogar

María Cadaval Sampedro

María Cadaval Sampedro

NA ANTESALA DUNHAS ELECCIÓNS XERAIS circula un slogan que fala de derrogar o “sanchismo”, mais implicaría isto poder derrogar a reforma fiscal de Sánchez? Xa adianto que non, porque nunca se acometeu. A pesares de que un grupo de persoas expertas traballaron arreo durante os peores momentos da pandemia para avanzar na transformación tributaria que precisa o país, o máximo que se conseguiu foi elaborar un libro branco que serviu para marcar o cumprimento da compoñente 28 do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, mais o sistema tributario segue ancorado no pasado.

A conxuntura económica quixo que os ingresos tributarios se situasen no seu nivel histórico mais alto, pero hai que ser conscientes de que isto nin é permanente, nin resulta eficiente ou equitativo e limita as oportunidades de progreso. España tiña abandonado o procedemento de déficit excesivo apenas uns meses antes do afundimento da economía pola Covid-19, mais o incremento do gasto derivado da emerxencia sanitaria volveu a desequilibrar o orzamento ate situar o déficit e a débeda por riba do 4,8% e do 110% do PIB en 2022. Ningunha destas macromagnitudes cumpre cos parámetros exixidos polo Pacto de Estabilidade e Crecemento –que limita o déficit ao 3% e a débeda ao 60% do PIB– o que levou a Bruxelas a enviar un primeiro sinal de aviso. A partir da primavera de 2024 a Comisión proporá ao Consello a apertura de procedementos excesivos baseados no déficit, sobre os orzamentos liquidados de 2023.

Polo de agora as perspectivas son optimistas, mais o realismo urxe poñer orde nas contas públicas, nun escenario no que a presión fiscal non alentará o incremento dos ingresos noutra hora apupados pola inflación. Para este exercicio agárdase unha contención do gasto mais tamén do ingreso, o que leva á Comisión Europea a poñer no 2,6% o límite do incremento do gasto primario, co obxectivo de mellorar o déficit estrutural, que neste momento acada os 50.000 millóns de euros. Unha magnitude sen parangón a nivel europeo.

A UE non desembolsará o resto dos Fondos Next Generation EU mentres non se poña coto a esta burbulla orzamentaria, non só para a administración central, senón tamén –ou sobre todo– para as comunidades autónomas, que levan varios anos recibindo uns fondos extraordinarios que agora poden desaparecer. A reforma tributaria integral parece agora unha urxencia e debera ser un dos primeiros cometidos do goberno entrante –sexa de continuidade ou non–.