ON-OFF

A data das galegas

Luis Pérez

Luis Pérez

A DISOLUCIÓN das Cámaras é a competencia máis persoal dos presidentes de Goberno en España. En realidade, a única cando se trata de gobernos de coalición. Sánchez non puido cesar a Montero nin agora pode facela ministra. Foi Díaz quen vetou a Podemos, con grave risco para a estabilidade do conglomerado que sostén ao Executivo ao incrementar de catro (ERC, Junts, PNV e Bildu) a cinco os grupos aos que satisfacer, a todos e todo o tempo, nas súas demandas. BNG e Coalición Canaria son irrelevantes, salvo combinacións tan improbables como che toque o Gordo da Primitiva no caso de que algún dos cinco se abstivera.

Nos gobernos que gozan de apoio parlamentario con maioría absoluta, caso de Galicia, o presidente goza ademáis da prerrogativa real de nomear e ordenar o cesamento dos seus membros. Pero dado o avanzado do calendario da lexislatura, remodelado o seu gabinete tras a marcha de Feijóo e superadas as eleccións locais, a Rueda só lle queda, dentro das competencias exclusivas, decidir a data das eleccións.

A ninguén se lle escapa que o fará cando lle pete, ou sexa, cando máis lle conveña. Así o contempla o Estatuto e así procederon os seus antecesores, con precedentes por parte dos dous partidos que tiveron ocasión (PP e PSOE) de esgotar ao máximo a lexislatura como de anticipar o seu final uns meses, o que se entende como adianto técnico. A lexislatura remata dentro de medio ano. Agora ben, se acorda o adianto debe explicar o motivo, o porqué de que a decisión non prexudica, cando menos, aos galegos. É máis, debe deixar claros os beneficios. 

A insistencia da oposición en reclamar o adianto é un erro ou ben trata de impedilo. Sabemos que a mellor maneira de garantir a alguén nun posto é que os adversarios pidan a súa dimisión. Cando o debate político está centrado en asuntos estranos a Galicia, coa amnistía en primeiro plano e as negociacións secretas en Suíza, a incerteza sobre os apoios ao Goberno nos orzamentos do próximo ano e un panorama internacional diabólico, o BNG necesita ofrecer algo máis que a novidade dunha muller á fronte da Xunta. Xa son varias as que presiden comunidades autónomas, nalgunhas recuncando, así como gobernos en toda Europa.

Tampouco ao PSdeG lle convén unha cita inminente coas urnas. Fóra de Lugo o seu candidato é pouco coñecido. Tampouco lle axuda a tendencia que mostran as enquisas sobre o PSOE. Ao socialismo galaico sempre lle foi mellor cun socialismo español forte. As insinuacións enviadas desde Ferraz, a través de xornalistas interpostos, sobre unha alianza preelectoral con Sumar causaron lóxico malestar na organización galega. Denotan unha falta de confianza nas súas posibilidades. Aínda está na memoria o fracaso dunha operación similar en 1997, mesmo con Abel Caballero á fronte. Besteiro non só ha de darse a coñecer. Deberá facer valer a súa sintonía con Sánchez en, por exemplo, sobre a compensación a Galicia pola débeda condonada a Cataluña.

E menos interesa a Sumar o adianto electoral. Sen candidatura nin pechados acordos con outras forzas, co recordo do desastre da vez anterior en que o seu home optaba a presidir a Xunta sen renunciar ao escano no Congreso. Díaz, que nunca foi profeta na súa terra, necesita tamén tempo para ofrecer un proxe cto e candidatos presentables.

En resumo. A oposición non debera insistir no adianto electoral. Non vaia ser que desta Rueda lles faga caso.