Cifras e letras

Máis aló do humano

Senén Barro Ameneiro

Senén Barro Ameneiro

A tecnoloxía que fomos inventando e desenvolvendo ao longo da nosa historia permitiunos ir moito máis alá das nosas limitacións: ver o microscópico, o inmensamente afastado ou o que, simplemente, está oculto á vista, como o interior do noso corpo; ver así mesmo as lonxitudes de onda da luz que o noso ollo non percibe, por ser infravermellas ou ultravioletas; ou chegar a lugares só alcanzados polos nosos soños, como a Lúa. 

Agora sumáronse as tecnoloxías intelixentes para ir máis aló do humano. A IA non só pode vencernos en cousas nas que as persoas, algunhas, chegaron a ter unha destreza fóra do común, senón que tamén logra facer o que non é posible para nós en absoluto.  

Como exemplo do primeiro, quizais o exemplo por antonomasia sexa o xadrez. Fai uns 50 anos a puntuación que alcanzaban os primeiros programas informáticos de xadrez era duns 1.600 puntos Elo. Elo é un sistema de puntuación da calidade dun xogador en comparación con outros. Un novato ten uns 800 puntos, alguén que xoga a nivel intermedio uns 1.700 e Magnus Carlsen, que ten a puntuación máis alta lograda por unha persoa, situou o récord en 2.882 puntos. Ao redor de 2007 as máquinas superaron a puntuación de Carlsen. A partir de aí, suma e segue. Xa van polos 3.600 puntos, e se as máquinas non melloran máis rápido é porque xa non nos interesa tanto o tema. Non somos rivais para a intelixencia artificial neste xogo. De feito, a última vez que unha computadora perdeu cun humano, seguindo as regras dos torneos de xadrez, foi en 2005. 

Como exemplo do segundo, do que está fóra do que podemos facer as persoas, pero non as máquinas, está todo aquilo que é imposible para nós polas nosas enormes limitacións de cálculo. Problemas tan simples como sumar un tras outro o primeiro billón de números está fóra do realizable durante toda unha vida (nin sequera se puidésemos sumar un centenar de números por segundo durante unha vida centenaria). Un ordenador de sobremesa pode facelo bastante rápido, sumando os números de corrido desde o 1 ao billón. Iso si, a nosa intelixencia permítenos resolver este problema doutra forma. Só temos que fixarnos en que se sumamos por pares os números primeiro e último, segundo e penúltimo, terceiro e antepenúltimo…, en todos os casos o resultado é o mesmo: un billón un. Tendo en conta que hai medio billón de pares de números, non temos máis que multiplicar medio billón por un billón un, e xa teremos o cálculo feito. O resultado non é unha cifra pequena, iso si: nada menos que 500.000.000.000.500.000.000.000! Más de cincocentos mil trillóns. Un número moi grande, pero obtido moi rápido a través dun algoritmo moi eficiente.  

Máis aló de que sempre sairemos mal parados se nos comparamos coas máquinas nas nosas capacidades de cálculo, ademais hai cousas que sinxelamente son imposibles para nós, por moito tempo que nos dean para resolvelas. Comunicarnos coas baleas ou descubrir e analizar os sinais de ondas gravitacionais, que son perturbacións no espazo-tempo que non poden ser percibidas directamente por nós, son dous exemplos moi evidentes do que nos permite facer a intelixencia artificial e que están fóra de calquera capacidade humana.  

As tecnoloxías intelixentes amplían día a día as fronteiras do humanamente realizable. Pero non debemos sorprendernos tanto, xa que así foi desde a orixe mesmo da tecnoloxía. Pensemos no soño de Ícaro, que sería imposible de facer realidade sen as ás ou as aspas das aeronaves.