Opinión | Olladas ao país

O Tribunal Superior só cumpre coa legalidade

Unha pantasma percorre Galicia: a das actuacións na defensa da legalidade ambiental e do equilibrio entre territorio, medio rural e produción de enerxía que exercen ducias de entidades ecoloxistas, veciñais, comunidades de montes, organizacións agrarias, de consumidores e veciñanza en xeral. Contra esta pantasma (máis ben contra esta plural e transversal corrente cívica) acordaron erguerse en santa coalición a patronal eólica, a sectorial de industria de CC.OO, as conselleiras Lorenzana e Vázquez responsábeis da Enerxía e do Medio Ambiente canda diversos voceiros mediáticos.

E esta ofensiva dirixuse agora contra o Tribunal competente, en virtude de regras predeterminadas, para revisar a legalidade das autorizacións de parques eólicos (P. E.) da Xunta: a Sección 3ª da Sala do Contencioso-Admnistrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). Critican que o TSXG acordara suspender un procedemento de revisión xudicial dun parque eólico para coñecer cal é a interpretación do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) a respecto do Dereito europeo aplicávbel, cumprindo estrictamente coas facultades e obrigas que aos xuices e tribunais de toda a Unión Europea lles outorga o artigo 267 do Tratado de Funcionamento da UE, xa que o próprio TSXG considera que da interpretación que faga o TXUE dependerá a resolución do recurso xudicial dun xeito ou doutro.

A cerna da cuestión é a interpretación do artigo 6.3 da Directiva 2011/92/UE, que define o dereito do chamado “público interesado” non só a dispor, para poder achegar as súas alegacións, da información fornecida polo promotor do P. E. correspondente, senón dos informes sectoriais que as distintas axencias e Administracións Públicas emitan sobre a conformidade do proxecto con cadansúa lexislación sectorial. Nunha recente sentenza o Tribunal Supremo (TS) considerou que o Dereito estatal permitía que estes informes sectoriais non foran remesados á información pública antes da proposta de resolución da Administración competente, neste caso a Xunta. Mais arestora o TSXG só fai o que pode e debe: requirir do TXUE se esa interpretación é compatíbel coa aparentemente contraditoria redacción da Directiva europea de 2011.

Coincide esta circunstancia coa suspensión cautelar das autorizacións de dezasete P.E. polo mesmo TSXG nesta última semana (o último o Ventumelo, onte, en San Xoán de Río e Castro Caldelas), decisión alicerzada nos principios de cautela, precaución e prevención ambientais que fan específico neste eido o principio xeral da xustiza cautelar de evitarmos o perigo na mora: se se construísen estes dezasete P. E. e despois o TSXG determinara a súa ilegalidade, como se reparan os danos sofridos no interín polo patrimonio cultural e ambiental e pola veciñanza, entidades e empresas afectadas? 

Nesta enxurrada mediática os seus voceiros coinciden en apuntar, por circunstancias coñecidas, ao maxistrado Luís Villares, o que constitúe un nidio insulto á intelixencia, neutralidade e profesionalidade non só del propio, senón dos outros dous maxistrados (un deles presidente da Sala) e da outra maxistrada que, canda Villares, constitúen a Corte que ten suspendido estes 17 P. E. e remesado a cuestión prexudicial devandita ao TXUE.