O deporte santiagués vive a súa gran festa

Na gala presidida no Auditorio pola alcaldesa, Goretti Sanmartín, entregáronse doce galardóns a Borja Golán, Luis Penido, Iria Nieto, Julia Salvado, Lucas García Picón, Jael, Aspanaes, Asociación Española contra o Cancro, Club Natación Ciudad de Santiago, Gonzalo Rodríguez e Víctor Pérez, Chus Blanco e Tuxeleires

Víctor Furelos

Os VI Premios Santiago Deporte celebraron este pasado luns na sala Mozart do Auditorio de Galicia a súa gran gala para entregar os galardóns das 12 categorías desta edición, cos que se busca recoñecer publicamente as persoas, entidades, centros educativos e empresas que polo seu labor desenvolvido ao longo da tempada 2022/23 ou no ano 2023 contribuíron ao fomento da práctica de actividade física e o deporte entre a poboación de Compostela.

O piloto de ralis Luis Penido, mellor deportista masculino,  e a ciclista Iria Nieto, mellor deportista feminina, intercambiaron os seus cascos / l.p.

O piloto de ralis Luis Penido, mellor deportista masculino, e a ciclista Iria Nieto, mellor deportista feminina, intercambiaron os seus cascos / l.p. / víctor furelos

A gala foi presentada por Federico Pérez e Lorena Pose, acompañados dunha intérprete de signos, sendo os encargados de dar paso a cada un dos galardoados.

Os primeiros en subir ó escenario foron os representantes da Policía Local e de Protección Civil, Jesús Pérez e Begoña del Río, respectivamente, para recoller unha mención especial polo labor que realizan nos eventos deportivos da cidade. Os encargados de entregarlle o diploma foron o concelleiro Xan Duro e o presidente da federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.

A continuación a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, entregou a outra mención especial da noite, que recaeu en José Luis Veiga, quen foi xogador, mestre de xadrez da USC desde hai varias décadas e ata seleccionador e que se encargou de transmitir o seu saber os mellores xogadores galegos.

A gala seguiu adiante coa entrega do recoñecemento ao patrocinio deportivo. Javier Maroño, director de COPE Galicia, foi o encargado de entregarllo a José María Fernández, como xerente de Joyería Jael, que presta axuda a varios clubes de disciplinas encadradas no que se da por chamar deportes minoritarios como golf, pádel, hípica, surf… e que desempeña desde hai máis de dez anos un papel fundamental na promoción e soporte económico do club Viravolta ademais de ser fundamental para a organización en Santiago do torneo máis importante de ximnasia rítmica de España que este ano trouxo a Santiago á campioa mundial Darja Varfolomeev.

Tamén acudiron á gala os representantes da Asociación Española contra o Cancro que foi premiada como promotora da mellor actividade ou acción social. Modesto Rouco, da Secretaría Xeral para o Deporte, entregou o galardón a Francisco Pais, presidente da asociación en Santiago.

A entidade educativa galardoada foi Aspanaes xa que participa en numerosas actividades deportivas como a carreira Enki Proxecto, natación ou andainas coa intención de promover o deporte como medio de lecer e de integración social. Ignacio Labella Lozano, presidenta de Aspanaes, recolleu o galardón que lle ofreceu o concelleiro Gonzalo Muíños.

A entidade deportiva máis destacada desta edición foi o Club Natación Ciudad de Santiago, recibindo o seu presidente, Óscar Fraga, o premio da mans de Manuel García Reigosa, de La Voz de Galicia.

Cando tocou entregar o galardón ao adestrador máis destacado, subiron dúas persoas ó escenario do Auditorio xa que o xurado premiou a Víctor Pérez e Gonzalo Rodríguez, axudantes de Moncho Fernández no Obradoiro CAB. Javier Rico Delgado, delegado de deportes da USC, e Carmen Fernández, directora comercial de EL CORREO GALLEGO, foron os encargados de entregarlles as recompensas.

No eido feminino recoñeceuse o labor como árbitra de Chus Blanco Arnejo, tamén na modalidade deportiva do baloncesto, e que despois de case catro décadas como oficial de mesa recibiu o premio de man de Ramón Castro, de Onda Cero.

En canto ao deporte adaptado, o xurado premiou ó equipo de rugby inclusivo Tuxeleires, creado en 2022 por mor dun proxecto da Escola de Tempo Libre e Animación Sociocultural Don Bosco. Esta entidade conta con 35 persoas con diferentes idades, xéneros e capacidades para disputar o seu primeiro partido en xuño 2023. O deputado provincial Antonio Leira fixo entrega do galardón a María de los Ángeles Barral, presidenta do clube, que rematou a súa intervención facendo a todos os asistentes partícipes do lema do clube: “Se non xogamos todos pinchamos o balón”.

No apartado de deportista feminina categoría base distinguíuse á atleta nas modalidades de mushing, atletismo e montaña Julia Salvado Diéguez. Compite co Club Acade e un dos seus maiores logros foi a medalla de bronce no Campionato do Mundo de Mushing Terra Junior, ademais de conseguir un ouro e unha prata nos Campionatos de España. A concelleira Miriam Louzao foi quen lle entregou o premio nun dos momentos máis curiosos da gala, pois subeu ao escenario con Ryder, a cadela coa que compite.

O galardón ao mellor deportista masculino, tamén categoría base, foi entregado por Toño Bermúdez, da Cadena SER, ao triatleta Lucas García Picón, quen viviu un ano con grandes éxitos como o título mundial no grupo de 15 a 19 anos ou a medalla de bronce no Campionato de Europa 2022, ao que ten que sumar o terceiro lugar no Campionato de Europa Relevos Mixtos Youth conseguido coa selección española. E ademais foi profeta na súa terra xa que se convertiu no mellor xuvenil na Carreira Pedestre de Santiago. Con todo, o ano torceuse cando nun adestramento con compañeiros do Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra sufriu un gravísimo accidente que mesmo puxo en perigo a súa vida e do que, afortunadamente, xa se vai recuperando aos poucos.

En categoría absoluta, acudiu a recoller o seu galardón da man de Álvaro Veiga, de Radio Líder, como mellor deportista feminina a ciclista Iria Nieto Romero, que se formou no Club Ciclista Compostelano. Neste último ano proclamouse campioa galega de ciclocrós Master 30 e realizou unha magnífica tempada na que subiu ao podio nun total de doce probas.

En categoría masculina subiu ó escenario na busca do seu premio, entregado polo concelleiro José Ramón de la Fuente, o piloto de ralis Luis Penido, quen atesoura unha experiencia de máis de 25 anos infestados de éxitos e que na última tempada logrou o título nacional de Montaña Categoría 5A e foi segundo no Campionato Europa de Montaña. Ademais, no seu afán por coidar o medio ambiente e loitar pola pegada cero de carbono impulsou unha plantación de árbores na alameda compostelá.

Por último, o premio honorífico desta sexta edición da Gala do Deporte de Santiago á traxectoria deportiva foi para Borja Golán, quen abandonou a práctica deportiva do squash despois de lograr dous títulos continentais, 17 campionatos de España e ser o único xogador español da historia no top 10 mundial (chegou a ser quinto). A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, foi a encargada de entregar este último galardón e de pechar o acto asegurando que “é moi positivo para a cidade contar con un embaixador coma Borja”.

A propia alcaldesa aproveitou para sinalar que Santiago é unha cidade na que se practica moito deporte, concluíndo ademais que valores coma “o esforzo, a solidaridade ou o traballo en equipo, dende o mundo do deporte, axudan a facer unha mellor sociedade”.

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024

LE AQUÍ O ESPECIAL VI GALA DO DEPORTE CONCELLO DE SANTIAGO 2024