Caso Pichel

O PP ve indicios de que Pichel é “presuntamente un testaferro”

Dende o grupo municipal popular sinalan que o exconcelleiro socialista vendeu a súa participación na empresa Desproi en compensación de débeda e sen mediar pago

José Manuel Pichel, exconcelleiro de Medio Rural, durante unha rolda de prensa en Raxoi

José Manuel Pichel, exconcelleiro de Medio Rural, durante unha rolda de prensa en Raxoi / J. T.

O voceiro municipal do Partido Popular, José Antonio Constenla, asegurou onte que o Goberno socialista “debe respostar xa ás numerosas preguntas que aínda están sen resolver” no caso Desproi. “Seguimos sen saber por que a concelleira Mila Castro propuxo unicamente a nave do seu compañeiro Xosé Manuel Pichel; indicoullo alguén?; quen foi? Estas son solo algunhas das cuestións aínda sen resolver”.

Para os populares, esta concelleira “é a responsable do contrato e a que asinou persoalmente a proposta a dedo e sen concurso público, leva un mes sen responder e agora quere agocharse detrás do alcalde para manter o seu silencio culpable”.

“Cando teñamos toda a documentación remitirémola á Fiscalía e agradezo que o resto de forzas políticas se sumasen á proposta do Partido Popular e ao Goberno, quen despois de criticar duramente e incluso ameazar ao candidato popular, Borja Verea, agora súmase á proposta de remitir toda a documentación aos xulgados, esperemos que non quede en nada”, subliñou Constenla.

Ademais, o voceiro popular incidiu tamén noutra cuestión que consideran de enorme valor: “Acabamos de saber pola información mercantil que a empresa, da que eran propietarios o sindicato UXT e o exconcelleiro Xosé Manuel Pichel, ten unhas inversións inmobiliarias que ascenden a tres millóns de euros, polo tanto as preguntas seguen aí, era propietario o exconcelleiro de todo este patrimonio?; por que tiña unha empresa compartida con UXT con este altísimo valor patrimonial?; estamos presuntamente ante a figura dun testaferro?

Ademais, “sabemos tamén por documentación interna á que tivemos acceso, que a venda da súa participación nesta empresa fíxose sen mediar pago, xa que foi en compensación de débeda, o que aumenta aínda máis os indicios de estarmos ante a figura dun presunto testaferro”, incidiu o voceiro popular.

Dende o PP indicaron que “son moitas as preguntas que seguen sen resposta”. “Temos a completa confianza”, destacou Constenla, “que unha vez remitida toda a documentación á Fiscalía Anticorrupción a investigación será completa, xa que non estamos só ante unha presunta adxudicación ilegal dun alugueiro, senón que todos os indicios nos levan a pensar que presuntamente podemos estar ante unha trama organizada onde todos querían beneficiar a esta empresa, que vai máis alá deste contrato concreto, e que merece unha investigación policial e xudicial ampla”.

LIMPEZA NAS PLACAS INFORMATIVAS.

Por outra banda, dende o grupo municipal popular tamén sinalaron que “desde que o Goberno socialista se fixo coa alcaldía de todos é coñecido que a limpeza é un problema en Santiago”. “Este servizo básico ten fallos en distintos eidos, non só na recollida do lixo. No vindeiro Pleno ordinario o PP reclamaralle ao Goberno socialista que dea as instrucións precisas para que se revisen e, onde proceda, se melloren as condicións das placas que conteñen os nomes das rúas e outras informacións no espazo público (paseos, prazas, estatuas, fontes públicas…), levando a cabo a limpeza e o remarcado, cando proceda, dos soportes informativos para a súa mellor visibilidade.

María Antón Vilasánchez incidiu onte en que o nome das rúas, máis alá do seu valor simbólico para perpetuar antigos topónimos ou lembrar persoas ou feitos destacados, ten unha razón de ser fundamental na delimitación de espazos para a localización de domicilios, edificios residenciais ou de calquera outra natureza, polo que “nunha cidade de marcado carácter turístico como é a nosa resulta fundamental manter estes elementos en bo estado, co fin de localizar monumentos e sitios de interese para as persoas que nos visitan”, indicou.