A USC aposta por crear un vínculo entre os contidos académicos e as expresións artísticas e culturais

O programa ‘Faíscas Culturais’ pretende acender nunha primeira fase a reflexión e o debate arredor de Shakespeare nas aulas

Representación de ‘Shakespeare en Roma’ no Colexio de Fonseca. centro dramático galego

Representación de ‘Shakespeare en Roma’ no Colexio de Fonseca. centro dramático galego / lorena rey

A Universidade de Santiago trata de que a cultura siga a espallarse polas aulas universitarias e se integre no currículo académico do alumnado. A través da iniciativa Faíscas Culturais da vicerreitoría de Estudantes e Culturas introdúcese nas clases de diversas materias proxectos artístico-pedagóxicos que serven de ancoraxe para a reflexión e o debate.

“Trátase dun programa que lanzamos no pasado decembro e que xurdiu con motivo da nova andaina da vicereitoría que uniu os apartados de estudantes e cultura”, comentou a este medio a dirixente desta área, Pilar Murias. Ao que engadiu: “Percibimos que a oferta cultural da USC non se comunicaba ou non chegaba bo xeito correcto aos estudantes”.

Esta iniciativa lanzouse en febreiro despois de manter a USC unha conversa que tiveron membros do Centro Dramático Galego co estudantado de Ciencias Políticas e Sociais con motivo da estrea Shakespeare en Roma. Esta faísca permitiu que alumnado da materia Historia do pensamento e das institucións políticas, coordinada polo profesor Manuel María de Artaza, afondase nos contidos políticos e na mensaxe que esta produción achega aos cidadáns contemporáneos, xa no mes de decembro. Ademais, logo do debate, o alumnado ten a oportunidade de asistir á representación que se desenvolve no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

“Neste programa é clave o diálogo que se mantén co alumnado das diferentes facultades implicadas, xa que hai que ter en conta que participarán centros nos que se imparten contidos que poden enganchar coa obra teatral”, indica Pilar Murias.

A vicereitora destaca neste punto que o profesorado se mostrou dende un principio moi receptivo “á hora de integrar esa nova expresión artística nas súas materias”.

O nome de Faíscas Culturais escolleuse tendo en conta esa idea de “querer prender unha chispa na reflexión das aulas”. Así Pilar Murias reitorou a intención que manteñen de que a cultura e a arte teñen que estar presentes nas aulas.

Este venres 17, na Facultade de Filoloxía, o diálogo entre a literatura e a posta en escena será posible grazas ás Conversas con Shakespeare. Cada un dos encontros, enmarcados nas materias de Literatura de expresión francesa 2 (teatro), Introdución á literatura inglesa e no mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura, agrupará a especialistas no ámbito teatral dende o punto de vista da filoloxía, así como ao director de cada unha das montaxes de Shakespeare en Roma, ao responsable en dramaturxia e algún dos actores e actrices que forman parte do elenco.

Trátase de conversar en torno a cada un dos textos que integran a montaxe dende diferentes puntos de vista: texto literario, fontes textuais, éxito editorial, recepción en forma de traducións, fortuna escénica da obra, sentido e significado no momento da composición, influencia en dramaturxias veciñas durante a Idade Moderna, interpretacións actuais da obra, sentido das postas en escena do CDG, construción das montaxes, construción dos personaxes, así como a obra de Shakespeare para o público actual.

O vindeiro 22 de febreiro será a quenda da faísca Plutarco en Shakespeare que se desenvolverá no marco da materia Historia Antiga II, coordinada por Pedro Manuel López Barja de Quiroga e Héctor Paleo Paz, na Facultade de Xeografía e Historia.

Xa no mes de marzo, as Faíscas culturais, continuarase enriquecendo a formación do estudantado a través de intervencións de carácter cultural no seo das materias, con Pontes entre a historia e a literatura (2 de marzo), clase maxistral na que se debaterá, en Xeografía e Historia, sobre o contexto de Shakespeare, as intencións do seu relato e as diferenzas entre o enfoque literario e histórico. O Ciclo de Cinema Filosófico a través do filme Hamlet terá lugar o día 22 na Facultade de Filosofía, mentres que O teatro como ferramenta educativa desenvolverase o 27 de marzo en Formación do Profesorado e A actualidade de Shakespeare, o día 28, en Filosofía.

Esta iniciativa terá un punto e a parte ata o primeiro cuatrimestre do vindeiro curso cando xa se espera que se celebren outras dúas faíscas. “A intención é ir enganchando con distintas facultades nas que se imparten temáticas diversas co fin de que as manifestacións culturais sexan parte do currículo do noso alumnado”, recalcou Murias.