CA di que o goberno local non responde ás preguntas sobre o servizo de recollida do lixo

Sinalan que o comité de empresa de Urbaser segue denunciando o mal funcionamento

Xan Duro, concelleiro de Compostela Aberta.

Xan Duro, concelleiro de Compostela Aberta. / REDACCIÓN

Redacción

Compostela Aberta pedirálle ao goberno local que dea conta no próximo Pleno das inspeccións e controis de calidade do servizo de recollida do lixo que se veñen desenvolvendo desde a entrada en vigor do novo contrato, e das sancións impostas por posibles incidencias. O concelleiro Xan Duro lembrou que “CA xa pediu esta información por escrito o pasado 14 de decembro, pero pasados máis de dous meses seguimos sen acceder a eses datos, nunha práctica á que lamentablemente xa nos tén afeitos aos grupos da oposición”. O edil preguntouse “que tén que esconder e a quen quere protexer o Goberno”, e lembrou que o comité de empresa de Urbaser segue denunciando o mal funcionamento do servizo.

As deficiencias na prestación do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria veñen sendo obxecto de denuncia por parte do Comité de Empresa de Urbaser desde a entrada en vigor do novo contrato, e continúan vixentes transcorridos dez meses. Duro pídelle ao Goberno que transparente que empresa está desenvolvendo o traballo de inspección e control de calidade, cantos controis fixo, en que datas e que incidencias foron detectadas; e cantas sancións foron impostas en virtude destes controis.