Entrevista | Xosé Sánchez Bugallo Alcalde de Santiago

“Espero que non me pase factura o caso Pichel, tomouse a decisión que procedía”

Xosé Sánchez Bugallo en la terraza del pazo de Raxoi |  FOTO: JESÚS PRIETO

Xosé Sánchez Bugallo en la terraza del pazo de Raxoi | FOTO: JESÚS PRIETO / ARTURO REBOYRAS

Catro anos despois da súa repesca como candidato á Alcaldía en 2019, Xosé Sánchez Bugallo (Teixeiro, 1954) fai balance dun mandato marcado pola pandemia e o doble Ano Santo. Móstrase satisfeito polo impulso dos grandes proxectos de cidade e pola capacidade de reacción do seu goberno ante os desafíos. Confía nunha ampla maioría da esquerda nas municipais de maio que lle permita seguir gobernando en Raxoi.

Que tal se atopa de saúde despois da indisposición que lle obrigou a estar unhas horas no hospital?

Estou perfecto. Ás veces, polo traballo diario ou porque nos sentimos moi ben, esquecémonos de facer determinados controles e de cumprir determinadas indicacións. E hai un recordatorio forzoso de que nin se pode deixar de tomar a medicación nin se pode deixar de pasar as revisións que son obrigatorias.

Vese con forzas para asumir a carga dunha campaña electoral ?

Si, perfectamente.

Que cambios percibe na cidade entre o inicio e o final do mandato?

Neste mandato tivemos que facer fronte a dous retos extradordinarios: un completamente impensable, a covid e todas as consecuencias da pandemia, non só na orde sanitaria senón tamén social e económica, que obrigou a que tivéramos que cambiar a orde de prioridades do Concello; e logo, o doble Ano Santo, distinto do pensado, cun primeiro ano que non foi malo, cunha serie de alteracións, e a continuación no ano 22, que foi extraordinario desde o punto de vista de todos os resultados. Penso que afrontamos con moi boa nota ambos retos. O cambio máis significativo é que esta era antes unha cidade parada e agora está totalmente en movemento.

Cal é o estado dos grandes proxectos que se marcaron como obxectivo ao inicio da lexistaluta?

Están perfectamente encaixados. Cando comezou o mandato toda a Corporación marcou varias grandes prioridades. En primeiro lugar, a política industrial. Hai que dicir que comezamos cun deserto na Sionlla e rematamos cunha necesidade de ampliar o polígono porque se queda pequeno. Outro reto era o referido a determinadas infraestruturas. A EDAR hoxe está adxudicada e estamos pendientes da autorización medioambiental, que espero que sexa inmediata, e a obra xa poderá empezar. Tamén tiñamos o tema da intermodal e a terminal do AVE, que está en pleno proceso de construción e con previsión de finalización en 2024. Agora falaremos co ADIF para que incorpore no proxecto a ampliación do aparcadoiro, pero a estación de buses está feita, a pasarela está rematada, a humanización do Hórreo, tamén, ao igual que e a reurbanización de Clara Campoanor. Polo tanto, un tema que estaba bloqueado, hoxe está entrando na súa etapa final. Outro obxectivo era o relacionado coas infratesruturas viarias: a previsión de remate da Autovía Santiago- Lugo é o 2024; o Orbital estará rematado en outubro deste ano e confiamos que o Orbitaliño quede aprobado en marzo. Todos estes temas que estaban parados están en marcha. Agora mesmo en Santiago temos 300 millóns de euros en obras contratadas ou en marcha, vinte veces máis que en 2019.

Adoita destacar o esforzo que se fixo na pandemia con importantes axudas directas a diversos sectores, cre que os cidadáns son conscientes desas políticas?

Realmente, non estou moi seguro. Por primeira vez na nosa historia, tivemos que facernos cargo e colaborar moi activamente con máis de 2.000 familias, axudándolles económicamente desde o punto de vista social; tamén deixamos de cobrar tributos ao comercio, á hostalaría; pero non só deixamos de cobrar senón que, enriba, pagamos nós. Sobre 500 negocios de hostalaría e outros tantos comercios recibiron axudas do promedio de 6.000 euros. Non ten precedentes na historia municipal.

Que efectos cre que poden ter nas eleccións os últimos acontecementos que afectaron ao goberno local, refírome ás dimisións de Javier Fernández e José Manuel Pichel?

Nunca son boas noticias. Eu só espero que os cidadáns valoren que cando hai un problema, este se afronta e se toman decisións. Non hai ningún goberno que poda gobernar coa seguridade de non ter que afrontar imprevistos.

Por que decidiu finalmente non levar o caso Pichel á Fiscalía?

Porque non aparece nos informes do Concello ningún elemento de relevancia penal. Non temos que enviar documentos á Fiscalía para preguntarlle que opina, senón cando se atopa nun expediente algún indicio dun delito. Cando non se acredita nos informes non está xustificado. A oposición o que está a facer con este caso é estirar o chicle, buscando o desgaste do goberno e unha rentabilidade electoral.

Cre que lle pode pasar factura este asunto nas municipais?

Espero que non. Políticamente, tomouse a decisión que procedía.

Outro tema. Na regulación dos pisos turísticos tratouse de contentar un pouco a todas as partes...

Non se tratou de contentar. É un tema controvertido e que afecta aos intereses das persoas, e as persoas tenden a reaccionar de forma moi visceral cando hai un tema que lles afecta. Eu penso que só se lle pode chamar vivendas de uso turístico a aqueles pisos que se acollan ao sistema xeral que se contempla no propio plan, e dicir, dez meses para aluguer e dous meses para uso turístico. Trataremos de sacar a regulación antes do verán para que xa podan operar con este sistema. Coas normativas que se nos plantexaban de seis meses e seis meses, os estudiantes non terían ningunha oportunidade. Agora xa temos redactado un borrador da ordenanza e o obxectivo é sacala a información cidadá este mes de marzo. E a partir de aí trataremos de aprobar o documento inicialmente, aínda que a aprobación definitiva da normativa corresponderá á nova Corporación.

Máis alá dos debates políticos, cre que se materializará nalgún momento o parquin do Clínico?

Estou seguro de que inmediatamente despois das eleccións as Xunta completará os seus estudos, porque en realidade non fai falta un gran estudo para chegar á conclusión de que fai falta un parquin.

O rural quéixase de que segue completamente esquecido....

Sempre é así e hai unha parte na que teñen razón e outra na que non. O investimento no rural nestes catro anos foi de uns nove millóns de euros. As obras contratadas polo Concello nestes anos suman cerca de 50 millóns de euros. O rural, as 21 parroquias, supoñen o 16 % da poboación. Polo tanto, hai un investimento per cápita que é superior á media da cidade. O problema é que a inversión per cápita requerida é moitísimo maior que no urbano.

Os grupos da oposición, sobre todo os da esquerda, o acusan dunha falta de diálogo grave...

Iso é completamente falso e é xustificatorio da actitude que mantiveron os tres grupos. Eu penso que houbo unha falta de coherencia notable e unha falta de compromiso coa cidade importante. En temas como o de Peleteiro... Tivemos docenas de reunións, se fixeron infinidade de propostas e ao final non se aprobou... Houbo moito oportunismo.

O BNG está convencido de que pode dar o sorpasso ao PSdeG...

As enquisas que coñezo lle atribúen catro concelleiros. Non sei se iso da para moito sorpasso. Todo o mundo ten dereito a ter ilusión, e creo que é importante que se manteña. Todas as enquisas apuntan a unha maioría absoluta da esquerda cun esquema moi similar ao que se producía nos anos oitenta e noventa. O que teñen que valorar os cidadáns é sobre quen queren que pivote o goberno e que o faga con maior forza.

Preocúpalle o suposto de ter que pactar con Compostela Aberta?

Non me gustaría esa coalición de goberno e tampouco sei si sería posible. Co Bloque mantivemos gobernos de coalición durante doce anos e hai discrepancias que poden ser resoltas. Pero o caso de CA me preocupa máis porque penso que ten un problema de maduración.

Para rematar, ponlle algún tipo de límite á súa vida política?

Eu non o poño para min, pero sei que existe. Procuro estar moi atento e no momento que vexa que as forzas fallan hai que deixalo.

Durme ben o alcalde?

Moi ben. Ás doce da noite xa estou durmindo e ás seis e media da mañá xa me tedes lendo o xornal e vendo o que escribides.