Unicef e a OMS eloxian o papel do CHUS na lactancia materna

En España hai actualmente 3 bancos acreditados de leite humano doado, e un deles é o situado no Hospital Clínico.

Equipo de promoción da lactancia materna no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela na sala de lactación, composto por pediatras, matronas, supervisora e personal asistencial de enfermería das áreas de Obstetricia e Neonatoloxía, xefas de Servicio de Neonatoloxía (dra. Couce) e Obstetricia (dra Souto), Subdirectora e Supervisora de Calidade asistencial, e a xerente del Área Sanitaria, Eloína Núñez.

Equipo de promoción da lactancia materna no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela na sala de lactación, composto por pediatras, matronas, supervisora e personal asistencial de enfermería das áreas de Obstetricia e Neonatoloxía, xefas de Servicio de Neonatoloxía (dra. Couce) e Obstetricia (dra Souto), Subdirectora e Supervisora de Calidade asistencial, e a xerente del Área Sanitaria, Eloína Núñez. / ECG

ECG

A sanidade pública compostelá ven de recibir o diploma de acreditación da Fase 2D da IHAN (Iniciativa para a humanización da asistencia ao nacemento e á lactación), deseñada pola OMS e UNICEF para apoiar a lactación materna exclusiva dende o nacemento en hospitais, servizos de saúde e salas de maternidade. O acto de entrega tivo lugar o pasado 3 de marzo no Ministerio de Sanidade, en Madrid.

O CHUS contaba xa coa acreditación da fase 1D dende marzo de 2015 e agora foi recoñecida coa fase 2D, grazas ao labor de promoción da lactación materna que se realiza dende os servizos de Obstetricia e Neonatoloxía, así como dende o Banco de Leite Materno adscrito a este último.

En España hai actualmente 3 bancos acreditados de leite humano doado, e un deles é o situado no Hospital Clínico. Amais conta co sistema de Acreditación ISO 9001:2015 dende o ano 2018. Previamente dende o 2015 xa se tiña a Norma 179003 de xestión de riscos e seguridade do paciente para o Banco de leite humano doado.

Acto de entrega na sede do Ministerio, recolleu o diploma de acreditación Fase 2, no nome de todos/as a dra Natalia Mandía Rodríguez.

Acto de entrega na sede do Ministerio, recolleu o diploma de acreditación Fase 2, no nome de todos/as a dra Natalia Mandía Rodríguez. / ECG

Para poder acadar esta nova acreditación no Hospital Clínico Universitario de Santiago, nos últimos anos, púxose en marcha a Unidade de lactación materna, que proporciona apoio a nais lactantes da área sanitaria compostelá, independentemente de que os seus fillos estean ingresados ou non. Amais, instauráronse os Talleres de Lactación para as nais dos nenos recentemente nados. Tamén se implantou un sistema de formación de todo o persoal implicado (persoal facultativo e de enfermería), na atención das nais lactante e os seus bebés para garantir uns coñecementos homoxéneos que deriven nunha mellor atención á lactación.

Grazas a todas estas medidas, no último ano a taxa de lactación materna exclusiva na sanidade pública compostelá está case no 70% cando se lle dá a alta ao bebé, sendo nos grandes prematuros do 100%.

O pasado ano, un total de 112 acabados de nacer se beneficiaron do leite materno do banco santiagués, a maioría grandes prematuros, das áreas sanitarias de Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo.

Con respecto á investigación, estase traballando en proxectos que permiten profundar no coñecemento e mellora deste tratamento nos RN grandes prematuros. Así desenvolveuse o estudo “Identificación e caracterización dos mecanismos moleculares de sinalización das vesículas extracelulares (exosomas) no leite materno e a súa relación coa prematuridade” (con financiación da beca de investigación 2020 da Asociación Española de Pediatría, dotada con 23.000 euros).

Natalia Mandiá, pediatra do Servicio de Neonatoloxía do CHUS, foi a encargada de recibir o recoñecemento no Ministerio de Sanidade e amosa a súa “satisfacción e gratitude por esta acreditación que é froito de anos de traballo entre os compañeiros dos servizos de neonatoloxía e obstetricia, co apoio da subdirección de calidade, así como tamén por ter conseguido elevar a taxa de lactación materna nesta área”, ao tempo que asegura que “seguiremos traballando para seguir mellorando”.