"Al otro lado del mar" e "Tolyatti Adrift" son os mellores filmes dunha nova edición da MICE

O acto de entrega dos premios, conducido por Sergio Llauger, tivo lugar onte no Museo do Pobo// "Malgrat", de Santi Teijelo, levou a distinción como obra favorita do público

Foto de grupo cos premiados dunha nova edición da MICE, onte no Museo do Pobo Galego / xoán álvarez

Foto de grupo cos premiados dunha nova edición da MICE, onte no Museo do Pobo Galego / xoán álvarez / lorena rey

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), promovida polo Museo do Pobo Galego, entregou onte os premios aos mellores filmes da décimo oitava edición nun acto conducido polo actor, músico e dramaturgo Sergio Llauger.

O xurado, formado pola cineasta e artista Tania Dinís; polo educador, director e guionista Xoán Escudero e pola politóloga, xestora cultural e técnica de igualdade especialista en políticas do coidado con enfoque de xénero Sabela Losada, concedeulle o galardón ao mellor filme galego a Al otro lado del mar, unha longametraxe documental dirixida por Eloy Domínguez Serén e Samuel Moreno Álvarez, na que os dous cineastas e amigos comparten aspectos das súas vidas e traballos en Galicia e Colombia. O xurado subliñou o feito de que “se adentre nun xénero tan pouco visitado como é a vídeo correspondencia”. Estas cartas filmadas “recollen historias persoais, memorias afectivas, unha viaxe por planos con diferentes épocas de rodaxe, diferentes culturas, contextos e épocas sociais, filmadas ademais nun momento histórico moi concreto”, que fan que sexa doado sentirse reflexado nas palabras, planos e sentimentos dos directores.

Xosé Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, foi o encargado de entregar o premio, dotado con 800 euros e trofeo. Os directores agradeceron o galardón e o agasallo que supuxo volver reencontrarse por segunda vez en tres anos, e facelo en Galicia grazas á MICE.

O galardón para o mellor filme nasección internacional, dotado con 1.000 euros e trofeo, foi para Tolyatti Adrift, de Laura Sisteró. Producida por Boogaloo Films e distribuída por Begin Again Films, é unha película documental sobre o antigo símbolo do orgullo socialista, a cidade rusa de Tolyatti, convertida hoxe no Detroit ruso. O xurado valorou o seu tratamento “a través dunha mocidade sen perspectivas de futuro en constante confrontación coa vida dos e das súas maiores, unha situación extrapolable a case calquera lugar do mundo”. Tamén, o uso da cámara “cunha proximidade que se achega case de forma íntima á cotidianidade das e dos protagonistas”, e o equilibrio na montaxe mesturando imaxes de arquivo e actuais.

Ademais, a presidenta da Asociación Galega de Antropoloxía, Luzía Ocam entregou o Premio Agantro á excelencia antropolóxica, dotado con 500 euros e trofeo a Detached, un filme cun gran dinamismo no que se “dá conta da heteroxeneidade interna da comunidade chuckchi, desde a minuciosa narración de feitos cotiáns ata a elaboración de diagnoses e reflexións existenciais de alto calado para escoller as voces chukchi”. O xurado valorou ademais que a película abra unha serie de interrogantes de carácter global, como a posibilidade de imaxinar dinámicas modernizadoras alén do aniquilamento de formas de vida tradicionais, ou a oportunidade de abordar fenómenos como o cambio climático desde a experiencia indíxena. Nesta ocasión o xurado estivo formado pola actriz, antropóloga e arqueóloga Paula Ballesteros; o antropólogo da Universidade Austral de Chile Pablo Rojas-Bahamonde, e a xestora cultural e representante da Asociación Sabela Losada.

Tamén se outorgou o Premio CREA, dotado con 200 euros e trofeo, ao filme Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo, por parte da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización. Trátase dunha curtametraxe sobre as mariscadoras dunha vila galega do sur de Galicia que cada día de marea se afanan por sementar, cavar e coidar o umbral entre a auga domar e a area.

Por último, entregouse o Premio do Público, por parte da concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón. Foi para o filme galego Malgrat, de Santi Teijelo, quen agradeceu o galardón dun festival que “está sempre marcado no seu calendario”.

O acto de entrega de premios contou coa asistencia do representante da Deputación da Coruña Xosé Penas Corral; a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago, Mercedes Rosón; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada; o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Villar, e a directora da MICE, Ana Estévez Lavandeira; ademais de representantes do mundo do cinema e a etnografía.

A pesar de rematar onte as proxeccións da 18ª edición da MICE, a programación continúa hoxe co taller para público profesional "De quen é a historia? Prácticas audiovisuais colaborativas e a antropología audiovisual", a cargo de Belén Sola e Chus Domínguez, do Laboratorio de Antropología Audiovisual Experimental (LAAV). Mañá terá lugar a presentación da Asociación Memoria e Cinema, no Museo do Pobo Galego.