“O Príncipe” de Martiño de Dumio, un "best-seller" da Idade Media mil anos antes de Maquiavelo

O Consello da Cultura Galega traduce ao galego "Como levar unha vida honesta", un manual de consellos para o rei Miro de Galicia // Escrito cara ao ano 570, trátase dun dos primeiros exemplos do xénero coñecido como "espellos de príncipes"

Martiño de Dumio con Miro, rei de Galicia, no libro "Das catro virtudes". Biblioteca Nacional de Austria. 1100-1150.

Martiño de Dumio con Miro, rei de Galicia, no libro "Das catro virtudes". Biblioteca Nacional de Austria. 1100-1150. / CCG

A obra O Príncipe, de Nicolás Maquiavelo, a biblia da Ciencia Política que non pasa de moda, tivo moitos precedentes e un dos primeiros, máis de mil anos antes que o italiano, escribiuse na capital do reino suevo da Gallaecia. “Que as túas opinións sexan xuízos” ou “non finxas ser o que non es, nin queiras semellar máis do que es” son algúns dos consellos recollidos en Formula vitae honestae, un compendio de ética natural que o monxe Martiño de Dumio, na altura arcebispo de Braga, escribiu por petición do rei Miro cara ao ano 570

“É un tesouro, unha achega pioneira a un xénero que despois vai ter moita vida, os denominados ‘espellos de príncipes’. É, ademais, un dos primeiros exemplos nos que eses espellos se dirixen a un rei, porque antes, no mundo clásico, non existía esta figura”, afirma Manuel Gago, coordinador de Como levar unha vida honesta. Consellos de Martiño de Dumio a Miro, rei de Galicia, que o Consello da Cultura vén de poñer na rede para celebrar a festividade este luns de quen está considerado o apóstolo dos suevos e responsable da súa conversión do arianismo ao catolicismo. 

“Ata ese momento eses textos ían dirixidos a un emperador, ou a amizades, pero non a un rei. Interesounos moito porque curiosamente era moi descoñecido. Ademais, cando falamos desa época o problema é que hai poucas fontes e moi parcas, e neste caso estás vendo as intrigas, as tensións que había na corte… Esta xente estaba a medio camiño entre o Imperio romano e o medievo e moitos dos consellos poderían aplicarse na actualidade”, asegura Gago. 

Cando o rei Miro accedeu á coroa do reino suevo de Gallaecia encargoulle ao seu mestre, o monxe Martiño, bispo de Dumio e recentemente nomeado arcebispo de Braga, un tratado con leccións para afrontar a vida e o goberno. Martiño de Dumio cumpriu co seu encargo con esta Formula vitae honestae, dirixido aos laicos, para levar unha vida honesta, tratar a soberbia ou desenvolver a humildade, no que recolle as ensinanzas dos autores clásicos e dos primeiros pais da doutrina cristiá. “Con este libro celebramos a presenza do legado intelectual de Martiño de Dumio na cultura galega, e o impacto que puido ter sobre a monarquía sueva e a sociedade contemporánea”, afirma a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, na introdución do libro, na que asegura que tamén permite crebar tópicos. “Tratados coma Fórmula para unha vista honesta confróntannos coa imaxe romántica tan estendida do colapso do Imperio provocado polas invasións bárbaras, a civilización destruída pola barbarie”, e, por suposto, “permítennos poñer voz a un tempo que con demasiada frecuencia non a tivo; e facelo nunha dimensión, a da xestión do poder, que enriqueza a nosa visión desa época”, explica Rosario Álvarez.

Capa da tradución ao galego da "Formula vitae honestae".

Capa da tradución ao galego da "Formula vitae honestae". / CCG

A epístola con que Martiño de Dumio respondeu á petición do rei Miro é un compendio fundado nas catro virtudes cardinais de Platón e inspirado no estoicismo de Marco Aurelio e Séneca, a quen chegaron a atribuírlle a autoría do texto. Foi coñecido como “o libro das catro virtudes”: a prudencia, a fortaleza, a temperanza e a xustiza. O tratado gozou dunha enorme difusión na Europa medieval, pois consérvanse 675 copias latinas do texto nas máis prestixiosas bibliotecas de mosteiros, pazos e universidades de todo o continente, como a Biblioteca Nacional de Francia, as bibliotecas das universidades de Oxford e Cambridge, a Biblioteca de Baviera (Múnic), a Biblioteca Vaticana, a Biblioteca Nacional de Austria, o Trinity College de Dublín, a Universidade de Uppsala ou a Biblioteca da Universidade de Edimburgo. A elas hai que lles sumar traducións a linguas romances como o francés, o italiano ou o castelán nos últimos séculos da Idade Media. A partir do século X, nalgunhas das copias o libro comezou a ser atribuído ao filósofo romano Séneca. Foi o poeta italiano Petrarca o primeiro autor en decatarse de que estaba falsamente atribuído e en recuperar a autoría orixinal.

Tradución francesa medieval: "Quatre vertus cardinales", Chantilly , Bibliothèque du château, 0282 (1460-1480)

Tradución francesa medieval: "Quatre vertus cardinales", Chantilly , Bibliothèque du château, 0282 (1460-1480) / CCG

Martiño de Dumio foi unha figura de extraordinaria relevancia cultural e relixiosa na Gallaecia tardoantiga. O monxe procedía do Mediterráneo oriental e desde o seu mosteiro en Dumio, nas proximidades de Braga, exerceu un importante labor recollendo o saber do reino clásico, convertendo a elite dirixente sueva do reino de Gallaecia ao catolicismo e escribindo outras obras, como De correctione rusticorum, na que critica (e ao mesmo tempo describe) as antigas crenzas pagás do territorio.