A Anpa de San Roque pide “solucións” ao caso dunha docente cunha doenza: “Non podo nin lavarlles as mans”

As nais e pais da escola infantil expresan a súa “inquietude” ante a “inacción” da Xunta para a adaptación do posto da traballadora

Entrada da Escola Infantil de San Roque / Antonio hernández

Entrada da Escola Infantil de San Roque / Antonio hernández / manu lópez

A Anpa da Escola Infantil de San Roque denunciou onte a situación de “abandono” por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar —dependente da Xunta de Galicia— ante a “inacción” deste departamento para a adaptación do posto de traballo dunha das educadoras por unha doenza física, que ten recoñecido este dereito, “mais nunca viu como esta adaptación se facía efectiva a través do pertinente reforzo de persoal”.

A traballadora, María Fraiz, explicou a este medio que “o que non fai o Consorcio é actualizar a adaptación”. Segundo sinala, a súa situación foi recoñecida no 2016 pola inspección laboral e polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), pero naquel momento “eu tiña un tipo de doenzas que non son as mesmas que agora”. A Anpa afonda en que esta condición implica “unha serie de situacións que limitan o grao de atención das crianzas da aula, malia a longamente acreditada profesionalidade da educadora”, o que xera “un certo grao de incerteza e inquietude” nas familias dos nenos á hora de atender algunhas das súas demandas “de xeito eficaz”.

A cadeira facilitada á traballadora / cedida

A cadeira facilitada á traballadora / cedida / manu lópez

Ademais, o colectivo de nais e pais argumenta que “a ausencia recorrente da educadora para coidar da súa saúde provoca habituais rotacións e cambios no persoal”. Estes cambios, segundo a presidenta da Anpa, Xiana Gilino, “repercuten nas crianzas e afecta a súa estabilidade emocional”. Do mesmo xeito, apuntan que outras consecuencias no día a día da aula son a “sobrecarga de traballo evidente na compañeira” ou que “non existe parella educativa ao uso”, algo que “ contradí o defendido polo Consorcio en relación coa súa rede de escolas”.

Fraiz destaca que a súa doenza supón que á hora de atender as crianzas ten limitadas algunhas das súas funcións. “Non podo facer control de esfínter nin lavarlles as mans. Non estou obrigada a facelo, pero se estou soa nese momento, que fago?” Así mesmo, a educadora critica que “no comedor non me podo sentar nas mesas, pero puxéronme a servilas. Teño unha cadeira destartalada e rota, que deberon coller do lixo, para sentarme cando me canso”, ademais de que “teño restricións de movementos que non se teñen en conta porque non vén ningún técnico a valoralo”. Os efectos producidos por esta situación tamén implican “problemas psicolóxicos e psiquiátricos. Estame afectando emocionalmente”.

“Non queren crear precedente”

Pola súa banda, preguntado por este caso, o Consorcio destaca que “o persoal sométese anualmente a unha revisión médica, non constando no momento actual que algún traballador de dita escola non sexa apto para desenvolver as súas funcións”. Así, relatan que “pode darse o caso que algún traballador sexa apto pero con algunhas restricións de tarefas que non puidera levar a cabo, o que supón a correspondente adaptación do seu posto de traballo conforme á normativa laboral”. Tamén indican que o centro de San Roque “ten unha ratio de persoal superior á requirida pola normativa vixente”.

Para a traballadora, o departamento autonómico “non está actuando porque crea precedente”. A este respecto, engade que “nós somos moitas mulleres cun traballo de moita esixencia física e psicolóxica e todas imos acabar mal da espalda. Para eles, en lugar de adaptar todos eses postos, é mellor a técnica de cansar á xente de loitar e que busquen outros traballos”.

A maiores, explica que “cada vez que me reincorporo debe revisarse a adaptación. Eu presento uns informes médicos e con esa valoración ten que vir persoal técnico á miña aula e facer as modificacións pertinentes”. A este respecto, conclúe que “están mareando para facer tempo pero non van mover nada”, xa que cando volva coller unha baixa “cerrarán o expediente e empezará todo o proceso de novo cando volva incorporarme”.

Mentres, a Anpa segue á espera de que cheguen as “solucións” que demanda para “unha atención de calidade”. Con este propósito convocaron un Consello Escolar o día 1 de febreiro, ao que convidaron a dirección do Consorcio, que “decidiu delegar a súa representación na directora do centro”. Aínda que os proxenitores ven un “conflito de intereses” nesta forma de actuar, a institución cre que “a dirección da escola ten coñecemento suficiente da situación para trasladar a información”. Nesa xuntanza as nais e pais indican que , “o Consorcio fíxonos saber daquela que solicitaran a visita dunha técnica”, que “debía ter acudido esa mesma semana ao centro, mais non chegou a persoarse”. Desta forma, “máis dun mes e medio despois, ninguén visitou o centro para avaliar as condicións de traballo da educadora”.