A comunidade universitaria reciclou máis de 3.000 envases a través do programa RECICLOS

As persoas usuarias só teñen que descargarse unha app gratuíta, depositar as súas latas e botellas de plástico de bebidas nalgunha das seis máquinas instaladas na USC e escanear o QR que se lles mostrará

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos / Santi Alvite

Redacción

As seis máquinas RECICLOS instaladas en diferentes puntos da USC e operativas dende comezos de ano, recolleron un total de 3.305 envases, entre latas (217) e botellas (3.030), evidenciando o compromiso da comunidade universitaria coa sustentabilidade. A instalación das máquinas no marco do Sistema de Devolución e Recompensa (SDR) de Ecoembes supuxo unha experiencia pioneira nos campus universitarios galegos que implica, en palabras do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, “unha oportunidade de materializar nun mesmo xesto o seu compromiso co desenvolvemento sostible e o respecto polo medio ambiente xunto coa sensibilidade cara a temas de alcance social”.

As persoas usuarias só teñen que descargarse a app gratuíta RECICLOS, depositar todas as súas latas e botellas de plástico de bebidas na máquina e, ao acabar, escanear o QR que se lles mostrará. Ao facelo, obterán puntos, denominados RECICLOS, que poderán cambiar por distintas recompensas dispoñibles, como colaborar co Banco de Alimentos ou con Oceánidas, para axudar a conservar o fondo mariño. Deste xeito, a USC convértese na primeira universidade de Galicia en contar con este sistema de recompensa, que xa suma máis de 250 máquinas por toda España, avanzando así na súa implicación coa economía circular e cun impacto positivo no medioambiente a través da reciclaxe.

Enquisa

A comunidade universitaria poderá seguir reciclando as latas e botellas de plástico de bebidas que consuma, facilitando así a circularidade destes residuos, é dicir, que volvan converterse en novos envases ou produtos tras a súa reciclaxe. Poderano facer en calquera das máquinas situadas na biblioteca Concepción Arenal, nas facultades de Filoloxía, Ciencias Económicas e Empresariais, Escola Técnica Superior de Enxeñería, no módulo central das facultades de Psicoloxía e Ciencias da Educación, e na Facultade de Matemáticas. No caso do campus compostelá, esta é unha iniciativa piloto que tamén se desenvolverá no Campus de Lugo cando Ecoembes dispoña na cidade da infraestrutura precisa. Ademais, pode accederse a unha enquisa en liña para coñecer a experiencia das persoas usuarias e incorporar posibles melloras.

“Esta é unha iniciativa que entronca coa propia natureza universitaria, polo seu carácter transversal, máis aló da formación estritamente formal, e axuda a dar forma á misión dunha universidade de achegar unha formación integral”, explica Gumersindo Feijoo. Este sistema de reciclaxe está implantado na cidade de Santiago de Compostela dende o ano pasado, onde máis de 600 contedores amarelos da cidade xa contan coa tecnoloxía RECICLOS, podendo os veciños recibir recompensas polas latas e botellas de plástico xeradas nos seus fogares.