O PP lamenta o abandono do viario municipal por parte do goberno local de Bugallo

José Antonio Constenla

José Antonio Constenla / ECG

Redacción

O grupo municipal do PP de Santiago denunciou onte que “cando quedan apenas dous meses para as eleccións o goberno socialista segue mantendo os viais de Santiago con grandes desperfectos”. Os populares sinalan que “a inicios do mandato se comprometían a por en marcha os contratos para a conservación, mantemento e reparación nos viarios do medio rural e do núcleo urbano, pero como en moitas outras cousas o Bugallo o que fixo foi prorrogar os contratos ao límite ata agotalos e sen posibilidade de prórroga”.

O PP, a través do seu voceiro, José Antonio Constenla, esixiralle ao executivo no vindeiro pleno ordinario que atenda á situación de deterioro que hai nos firmes e drenaxes. Así mesmo, reclamá que poñan en marcha un sistema de xestións de firmes que permita avaliar, de forma obxectiva, as diferentes estratexias de conservación, antes de identificar proxectos ou actuacións concretas e priorizalas atendendo a criterios técnicos e económicos.

José Antonio Constenla lembra que o Concello tiña, desde hai anos, un contrato principal para atender esas tarefas, o último con esa finalidade foi licitado e adxudicado en decembro de 2018, por un importe inicial de dous millóns de euros, cun prazo de execución de dous anos e posibilidade de prórroga doutros dous anos, “pero, nunha práctica xa habitual do Goberno Bugallo, este contrato, que iniciou a súa prestación en febreiro de 2019, foi prorrogado ata o límite, chegando a súa vixencia ao mes de febreiro de 2023”.

Constenla Ramos insiste en que, para afrontar coa maior rapidez e eficacia todas aquelas actuacións que afectan á seguridade e comodidade da rede viaria, sería de gran utilidade ter avanzado na creación dun sistema de xestión de firmes, semellante ao que se aplica noutras administracións para programar e controlar as actividades de conservación da rede local.