O Goberno da luz verde ao estudo económico para o novo contrato do transporte urbano

Raxoi destaca que os pregos de condicións contemplan a renovación completa de toda a flota de autobuses

Co novo contrato, serán 58 os novos autobuses que circulen pola cidade / |  J. P.

Co novo contrato, serán 58 os novos autobuses que circulen pola cidade / | J. P. / REDACCIÓN

Redacción

A Oficina Nacional de Avaliación deu luz verde aos pregos de condicións e ao estudo económico para o novo contrato do transporte urbano, preceptivos para continuar co trámite habitual, o que supón un avance para a licitación do mesmo.

Logo de varias modificacións obrigadas no estudo económico, derivado dos desaxustes provocados pola pandemia e os seus efectos, co visto bo do órgano nacional que se encarga de analizar a sostibilidade financeira dos contratos de concesión de servizos, “procederemos coa tramitación la licitación”, explicou o alcalde de Santiago.

“Tamén o cambio das directrices europeas, esixindo que tódolos vehículos fosen cero ou baixas emisións e a subida dos tipos de interese relentizaron o proceso”, engadiu Xosé Sánchez Bugallo, posto que isto obrigou a refacer o estudo económico.

O novo prego contempla “a renovación completa de toda a flota, serán 58 os novos autobuses que circulen pola nosa cidade, eléctricos ou de baixas emisións”, explicou o rexedor compostelán, indicando ademais que co novo contrato se mellorará a accesibilidade de todos os autobuses: “Todos contarán con rampla automática e manual, e a isto sumaráselle un novo sistema de aviso de paradas, incorporando aos autobuses unha pantalla coa que se poderá ver cal é a próxima parada, e cun aviso sonoro pensando na inclusión das persoas con algunha discapacidade auditiva”.

Ademais, o novo contrato implicará a mellora do sistema de información. “Teremos unha nova aplicación e unha nova web”, incluíndo ademais en tódolos autobuses o pago con tarxeta aplicando as novas tecnoloxías.

Mentres, avanza a redacción do novo Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) “co que, en base a esa información, poderemos mellorar o servizo e o deseño das rutas”, recalcou o alcalde da capital galega.