Luísa Villalta na fachada do Xelmírez I de Santiago nun retrato coas fotos dos membros do instituto

A comunidade educativa do instituto compostelán homenaxea á autora do Día das Letras Galegas

Retrato de Luísa Villalta elaborado coas fotos da comunidade educativa do Xelmírez I

Retrato de Luísa Villalta elaborado coas fotos da comunidade educativa do Xelmírez I

Redacción

A imaxe de Luísa Villalta, a quen está dedicado este ano o Día das Letras Galegas, pendura da fachada do IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, grazas a unha idea inicial da profesora Vicen Outeiro, quen propuxo invitar todas as persoas que conviven no instituto –profesorado, alumnado e persoal administrativo, de limpeza e da cafetaría– a deixarse fotografar para incorporar as súas caras a un retrato da poeta

Para esta iniciativa, elixiuse unha fermosa foto de Xosé Abad, quen lla cedeu decontado ao instituto para poder levar a cabo esta iniciativa polo Día das Letras. 

A profesora Olalla Cociña e mais o profesor Sergio Frade, ambos integrantes do Departamento de Imaxe e son, organizaron e levaron a cabo co seu alumnado o complexo traballo fotográfico cuxo resultado se pode contemplar na fachada de entrada ao instituto compostelán. 

Para o Xelmírez I, é unha magnífica iniciativa coa que poder expresar a admiración de toda a comunidade educativa do centro por Luísa Villalta. ecg